Unha ordenanza tipo regulará as autocaravanas nos concellos galegos

A Xunta expón que sexa obrigatorio vincular o número de rexistro das vivendas turísticas á súa publicidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Unha ordenanza tipo que elaborará a Fegamp buscará avanzar nunha regulación "efectiva" das autocaravanas en Galicia, mentres que a Xunta, pola súa banda, redactará un borrador para que unha imaxe común achegue "coherencia" ás festas e feiras galegas.

Estes dous puntos foron, xunto ao das vivendas de uso turístico, os abordados polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, este martes durante unha reunión en San Caetano.

Respecto das vivendas turísticas, Rodríguez expuxo que, "por exemplo", sexa obrigatoria a vinculación do número de rexistro coa publicidade de cada unha delas en plataformas informáticas e demais, co obxectivo de dar "maior transparencia e seguridade" tanto aos propietarios como aos usuarios.

Pola súa banda, o representante dos municipios galegos apostou por "dar a palabra aos alcaldes" para tratar de "resolver" problemas que no caso das autocaravanas afectan a "20-30 concellos", segundo os seus números, e no das vivendas turísticas é "máis reducido" aínda, ao estar presente sobre todo nas grandes cidades.

En canto ás medidas para "mellorar a calidade e a estética" de feiras e festas, mostrouse "totalmente de acordo" polo "potencial para Galicia" e xa que "non se pode caer na rutina" e "o público cada vez é máis esixente".

AUTOCARAVANAS

Segundo explicou o titular de Turismo, acompañado da directora de Turismo, Nava Castro, a Xunta está "a elaborar un decreto" pero o que pretende é que a Fegamp redacte unha ordenanza "tipo" que permita a convivencia de autocaravanas nas localidades galegas. Algúns concellos, segundo indicou, xa teñen ordenanzas propias, pero a idea é contar cunha "xenérica" que permita unha regulación "efectiva" en todo o territorio galego.

FESTAS

En canto ás festas de interese turístico e feiras, falou de dar "uniformidade" e "coherencia" a estas citas, de modo que se transmita ao visitante unha imaxe "común" e "de calidade". Neste caso será a Xunta a que elabore un borrador que logo presentará aos concellos, con algún "estímulo" de fomento para que se sumen ás actuacións e tamén que favoreza a presenza da administración autonómica nestes eventos.

VIVENDAS TURÍSTICAS

Por último, sobre as vivendas de uso turístico, Rodríguez apuntou tamén por que a ocupación neste tipo de aloxamentos "sexa facilitada", tendo en conta que o instituto nacional de estatística, por exemplo, non introduciu aínda esta modalidade nos seus datos.

A Xunta busca, segundo dixo, cubrir "ocos que quedaron sen regular en 2017", de modo que tamén quere que haxa unha "radiografía fiel" destas vivendas para combater o "intrusismo". Respecto diso, cuestionado sobre se xeran efectos adversos como o incremento do prezo do aluguer ou que haxa menos vivendas dispoñibles para estudantes en cidades como Santiago, avogou por avaliar de forma "equilibrada" a problemática e non "cargar todo" contra estes aloxamentos.

Isto, xa que, segundo os seus números, no centro histórico compostelán son ao redor de 250 as vivendas de uso turístico e no conxunto da cidade, sobre 500, un "número moi pequeno", do mesmo xeito que se se compara a cifra de vivendas baleiras en toda Galicia (300.000) coas deste tipo de aloxamentos rexistrados (10.000).

Fotos Xunta. Cultura E Turismo/ Reunión Fegamp. XUNTA DE GALICIA / Europa Press
Fotos Xunta. Cultura E Turismo/ Reunión Fegamp. XUNTA DE GALICIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta