O alcalde de Santiago di que o financiamento da Intermodal "ten solución"

O alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, "espera" que o Ministro responsable "estea en condicións de poder modificar o convenio" no que se establece o límite dos 3,5 millóns de pasaxeiros que Adif impuxo para a segunda fase deste proxecto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2019 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, afirmou que o financiamento da Intermodal de Santiago de Compostela "pode ter solución" a pesar de non contar coa aprobación de orzamentos do Estado para este ano, "dada a autonomía financeira da que goza o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif)".

Diso informou o rexedor este mércores a través dunha rolda de prensa na sede da Alcaldía, na que admitiu que o feito de ter un Goberno en funcións "condiciona decisións" e "impide" realizar "compromisos necesarios", aínda que confiou en que isto non sexa un obstáculo para sacar adiante os proxectos.

Así, Xosé A. Sánchez Bugallo "espera" que o Ministro responsable "estea en condicións de poder modificar o convenio" no que se establece o límite dos 3,5 millóns de pasaxeiros que Adif impuxo para a segunda fase deste proxecto, o que podería tardar anos en conseguirse.

"Hai unha cuestión da que todos eramos sabedores e é que non se aprobaron os orzamentos xerais do Estado do 2019 e estamos cos do 2018 en vigor, polo que todos sabiamos que tiñamos un condicionante. Naquel momento algúns dixeron que era fantástico que non se aprobase, pero non pensaron nas consecuencias derivadas", asegurou Bugallo.

Así mesmo, o alcalde da capital galega recalcou que espera que se resolva a situación de "interinidade e accidentalidade" do Goberno canto antes e, apróbense así os orzamentos xerais do Estado. Deste xeito, confía en que se poida "dispor das cantidades orzamentarias e cumprir os compromisos establecidos".

CUESTIÓNS QUE AFECTAN EN SANTIAGO

Pola súa banda, en relación a Santiago e ás accións dirixidas á preservación e revitalización do Patrimonio Cultural, a través da iniciativa do Real Padroado, Bugallo expuxo que "está pendente" dunha reunión. "Todos somos conscientes que un Goberno en funcións non vai convocar unha reunión nin vai adoptar os acordos que quereriamos, que sería como mínimo aprobar o programa 2021-2027", afirmou.

Ao mesmo tempo, o edil do PSdeG criticou na súa intervención, o informe "negativo" da Avogacía do Estado en relación ao cambio de nome do aeroporto de Santiago no que se establece que un goberno en funcións "non ten competencias" para cambiarlle o nome a un aeroporto, tal e como explicou Bugallo. Conforme a isto, o socialista sostén que esta situación "está a condicionar actuacións para a cidade, para Galicia e para España".

Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.
Recreación da estación intermodal de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta