O prazo para presentar traballos xornalísticos ao premio 'Comunicar en Igualdade' termina o próximo 16 de setembro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2019 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O prazo para presentar traballos xornalísticos ao premio 'Comunicar en Igualdade 2019' permanecerá aberto ata o vindeiro luns 16 de setembro, segundo lembrou a Xunta nun comunicado, quen indicou que o obxectivo desta iniciativa é recoñecer aqueles traballos que contribúan á defensa e a difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero.

"Con esta iniciativa búscase recoñecer as boas prácticas á hora de abordar distintos asuntos como o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero", explicou o Goberno galego.

Así, o premio consta de dúas modalidades: unha para profesionais do xornalismo e outra para alumnado universitario. No caso dos profesionais, premiarase aos mellores traballos informativos ou serie de pezas elaboradas individual ou colectivamente, segundo criterios de "calidade, esforzo investigador e de sensibilización e debido tratamento informativo sobre a igualdade de xénero ou sobre a violencia de xénero". Os traballos deberán ser orixinais e en galego e poderán optar a un premio de ata 6.000 euros.

Pola súa banda, a categoría de alumnado está aberta a calquera estudante do Sistema Universitario de Galicia no curso 2018-2019. O premio outorgarase aos mellores traballos xornalísticos e ascenderá ata 4.000 euros.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta