Os 700 millóns que reclama a Xunta ao Goberno central segue separando a PSdeG e o resto de partidos

O PP estudará a proposta de Luís Villares dun pleno monográfico sobre financiación e os socialistas piden o informe xurídico da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/09/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que o seu grupo estudará a proposta, formulada por Luís Villares —á fronte do Grupo Mixto—, de que haxa un pleno monográfico sobre financiamento, nun contexto marcado pola demanda do Goberno central á Xunta de 700 millóns de euros. Pola súa banda, o PSdeG pediu que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo traslade aos grupos o informe xurídico que deu a coñecer na pasada xornada.

Parlamento galego
Parlamento galego | Fonte: Europa Press.

Tras a Xunta de Portavoces, Puy remarcou que no último pleno todos os grupos da Cámara —coa asbtención do PSdeG— apoiaron unha iniciativa para demandar estes 700 millóns de euros. "Estamos todos de acordo agás un", remarcou, en alusión ao PSdeG, que dirixe Gonzalo Caballero, antes de contrapoñer esta actitude coa da dirixente socialista andaluza Susana Díaz, quen "si dixo que apoiaría o Goberno autonómico na súa demanda porque fará unha oposición responsable".

Preguntado pola posibilidade apuntada por expertos de que, se non se realiza esta transferencia, os funcionarios autonómicos non cobren a paga extra de decembro, asegurou que se trata de reflexións xenéricas e que a el, en concreto, non lle consta que tal medida "estea sobre a mesa".

"Non oín falar desa posibilidade e confío en que ese tema non se teña que producir, xa que o Goberno central ten distintas saídas tanto xurídicas como económicas (para transferir os fondos). A ver se temos tranquilidade", apelou, antes de referirse ao informe feito público pola Xunta este luns e de remarcar que existe unha necesidade "evidente" de que se transfiran os 700 millóns.

A VÍA: QUE HAXA GOBERNO

En fronte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o que debería facer a Xunta é facilitar aos grupos o informe xurídico que trasladou aos medios para sustentar a súa demanda e a convicción de que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez dispón de mecanismos para transferir os 700 millóns demandados.

Leiceaga mostrouse sorprendido pola actitude do PP e lembrou que, no seu día, "estando nunha situación non só similar, senón moito mellor", mantivo a mesma actitude que o actual Executivo.

"Os que crearon esta situación foron o PP, Ciudadanos e os independentistas cataláns, que agora son os que de forma máis intensa piden que se solucione un problema que eles mesmos crearon", lamentou o socialista, antes de concluír que "a maneira máis doada" de liquidar a situación é que haxa goberno no Estado de inmediato.

En todo caso, reiterou que o PSdeG poderá dar unha resposta máis razoada xuridicamente cando coñeza o informe da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta