Xa chegaron os marcianos

Xa están aquí, xa chegaron os marcianos pero estes non son galegos coma ti. Antonio BetetaBarreda, poderoso secretario de Estado de Administraciones Públicas nas verbas dun xornal galego de provincias, veu, viu e sentenciou: máis poder a administración local, menos para as comunidades autónomas e... agárrense... potenciar ás deputacións. Queriades caldo, tomade sete cuncas.

Por Manuel González L. | Compostela | 25/04/2012

Comparte esta noticia

Xa imos sabendo que entende o Partido Popular, o de G e mailo de E, por redefinir o mapa competencial entre os distintos niveis de goberno, e xa non se poden descartar os peores augurios. Se en Europa os gobernantes conservadores impoñen ditatorial e inconscientemente a austeridade obviando as consecuencias para a estabilidade social e política do continente, a dereita española amosa outra volta o seu carácter diferencial e súmalle ao anterior a súa teima pola inquebrantábel unidade da nación española.

É por iso que os recortes no Estado do Benestar veñan acompañados no caso español dunha tentativa de recortar tamén o poder autonómico pois ao fin e ao cabo ambos elementos se desenvolveron xuntos dende que España deixou de ser unha unidade de destino no universal. O certo é que a dereita española entendeuo Estado das Autonomías (tarde, mal e arrastro) como unha sorte de descentralización puramente técnica, non política, por iso impulsaron a súa deturpación co “café para todos”, metendo no mesmo saco realidades obxectivamente diferentes. Agora coa crise, aproveitando que os grandes consensos xa non son intocábeis, pretenden desandar o camiño andado e devolver as competencias ao sitio de onde nunca deberían ter saído.

No noso País é triste ver como os elixidos para gobernarnos calan e outorgan diante da laminación do autogoberno. A estas alturas nada nos impide afirmar que Feijoo e Esperanza Aguirre comparten diagnóstico e propósitos de xeito milimétrico. Nada podemos agardar dunhas persoas que teñen os pés nun sitio e a cabeza noutro. Por iso os que cremos no País e na necesidade e capacidade de gobernarnos a nós mesmos, no grado que sexa, debemosreivindicar as institucións autonómicas e o avanzado e conseguido nos últimos trinta anos co esforzo de todos. Poderá parecer conservador, e seguramente o é, pero na liña do apuntado por TonyJudten Algo vai mal, vivimos un tempo históricono que en moitos aspectos tócalle agora aos progresistas ser conservadores, pois o que está en cuestión son os avances de ducias de anos en toda Europa. E a Espe que lance se quere unha OPA para a fusión ou absorción das dúas Castelas, pero a nós que nos deixenconstruír o noso futuro. Manuelgonzalez.blogaliza.org  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.