Por Manuel González L. | Compostela | 03/10/2014
Un dos traballos presentados, neste caso polo profesor Jaume Ventura, apuntaba a que o actual proceso de globalización económica, ao contrario que o que tivera lugar entre finais do século XIX e principios do XX, coincide coa aparición dun número moi importante de novos países. Mentres a primeira globalización fora a dos grandes imperios, o actual período de apertura económica parecería seguir tendencias opostas.
Sen embargo, como ben apuntou o autor, a grande diferenza reside na aparición de institucións políticas e económicas de ámbito internacional que, en moitos casos, substitúen aos Estados-nacións en funcións que lle eran básicas. Aparecerían institucións como a OMC ou o FMI que regularían as transaccións económicas cada vez máis globais ou outras de carácter militar como a OTAN, que mudan significativamente o carácter e necesidade da función estatal de defensa.
Evidentemente tamén se referiu o profesor a aparición da Unión Europea, mais posiblemente por falta de tempo coido que non lle prestou suficiente atención a este fenómeno que vai moito máis alá dunha mera alianza, asumindo xa competencias fundamentais como a política monetaria e un papel moi relevante en áreas como a enerxía, agricultura ou pesca.
Deste xeito, no noso caso vivimos nos últimos decenios un encollemento dos servizos que outrora prestaban os Estados, aportando así a estabilidade necesaria para os territorios e persoas de cada un deles. No caso español isto coincide coa aparición do Estado Autonómico, no que as CCAA pasan asumir boa parte dos servizos básicos do Estado do Benestar e outras políticas sectoriais. Isto é, das tres funcións do Estado que tradicionalmente identifica a Facenda Pública, grosso modo, a de estabilización recae xa en gran medida no eido superior (UE), a de redistribución sigue nos Estados pero cada vez hai máis forzas que levan á necesidade de situala tamén en Europa (para complementar así a de estabilización) e, finalmente, a de asignación de servizos públicos reside en boa medida nos ámbitos rexionais e locais.
Evidentemente todo isto non significa a fin do Estado Nación, nin moito menos, pois sigue existindo como provedor de funcións importantes e sobre todo como espazo de referencia cultural e simbólica de forte ancoraxe, en moitos casos polas políticas de uniformización que historicamente o acompañaron. Mais o certo é que as mudanzas sinaladas inciden no afloramento de discrepancias territoriais alí onde estaban latentes e onde as comunidades locais foron quen de impulsar os espazos propios de referencia cultural e política. Nacións pequenas e abertas, altamente competitivas e fortemente cohesionadas. Tomemos nota tamén en Galicia.