Indignación

33 millóns de euros, esa é –segundo a información publicada- a cantidade que van recibir por “auto-outorgación” catro antigos directivos das dúas caixas agora fusionadas en Novacaixagalicia en concepto de pensións por xubilación. A isto hai que sumarlle as tamén millonarias indemnizacións que recibiron ao abandonar a entidade. Indignante é o único cualificativo que pode merecer isto.

Por Manuel González L. | Compostela | 12/05/2012

Comparte esta noticia
Indignación porque, segundo información que imos coñecendo, obsérvase que a xestión realizada nos últimos anos nas dúas caixas é desastrosa, situándose Novagalicia Banco en peor situación que a media das xa desaparecidas caixas no referido ao risco inmobiliario, o grande pecado do sector financeiro español. Só os delirios provincianos de grandeza explican a expansión das dúas caixas, particularmente a antiga Caixa Galicia, en base a crédito inmobiliario investido en boa medida no Levante, terra prometida agora vida a menos.
 
Indignación porque os representantes do pobo que xestionan os poderes públicos miran para outro lado, comezando polo presidente da Xunta, o Señor Feijoo, que de tanto “escorrer o vulto” vai camiño de ser o presidente máis incompetente da historia da autonomía, no sentido literal de palabra.
 
Indignación porque quen tiña a obriga de mirar pola boa xestión no sector bancario e financeiro, Miguel Angel Fernández Ordoñez, fixo omisión desta labor e sigue no seu cargo como se nada pasase, dando leccións de ortodoxia en materia de política económica.
 
Indignación porque aínda hai quen nos quere facer crer que o “público” é o problema. Digámolo ben clariño, o laissez faire das últimas décadas que provocou a falla de regulación e control dun sector fundamental para a estabilidade económica como é o sector financeiro, está detrás de todo o que estamos vivindo. E como vemos, as mudanzas de paradigma político e económico non só actuaron na estrutura económica e financeira, tamén o fixeron no nivel dos valores e da ética, do que está ben e do que está mal.
 
Non se trata de nin de santificar o público nin de nacionalizar a banca, cuestións por outra banda que necesitan debate e reflexión. Trátase de recuperar valores éticos que moitos, coa escusa da liberdade, perderon hai tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.