Outro sector en perigo: "queren vender as xoias da coroa, as hidroeléctricas”, alertan os traballadores de Ferroatlántica

Tras o fin da industria do carbón, e do aluminio pode chegar a das hidroeléctricas. O fondo de investimento TPG fíxose coas centrais dos ríos Xallas e Grande. Pero o futuro das fábricas de Cee e Dumbría fica ligado ao dos encoros, unha fonte segura de ingresos. O desinterese pola continuidade destas fábricas reflectiuse en que o novo fondo propietario non está interesado na compra da planta de Sabón, en Arteixo. Os traballadores cren que detrás da compra está a especulación.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un dos puntos de atención sobre a actualidade da industria galega está sobre Ferroatlántica, a metalúrxica productora de ferroaliaxes, antiga propiedade do Grupo Villar Mir e que agora afronta un momento de incerteza logo da compra efectuada polo grupo de investimentos TPG Sixth Street Partners. A consencuencia é que o lote completo incluía fontes hidroeléctricas (encoros), as factorías de Cee, Dumbría e Sabón, todas na provincia da Coruña.

Ferroatlántica, Industria. EUROPA PRESS - Arquivo
Ferroatlántica, Industria. EUROPA PRESS - Arquivo

A cuestión é que desde o comité de empresa de Cee denuncian o escaso ou nulo investimento para mantemento das instalacións. Por outra banda, postos en contacto coa empresa, respondeu o socio da mesma en España, Ithaka, quen remitiu unha breve información sobre a compra e algúns puntos do acordo.

SÓ INTERESAN AS HIDROELÉCTRICAS

TPG comprara o 100% das accións do capital de Ferroatlántica, S.A.U. “Antes da venda tivo que escindir os diferentes centros, por exemplo, o noso centro de traballo en Cee tiña o mesmo CIF que a planta instalada en Sabón, Arteixo” di o presidente do comité de empresa de Cee-Dumbría, Alfonso Mouzo. “Para vender só o noso centro publicou no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) a escisión patrimonial das diferentes plantas”. Ademais diso, o comité de empresa tamén sinala á Xunta pola súa inmobilidade fronte aos intentos de Ferroatlántica para escindir a produción hidroeléctrica da de ferroaliaxes.

O motivo do último punto é que a concesión para explotación dos encoros nos ríos Xallas e Grande é competencia da Xunta de Galicia. Así, os traballadores entenden que o goberno galego non actuou debidamente, pois entenderon que había unha manobra especulativa cos encoros. “Pedimos a Augas de Galicia, como parte interesada, que nos mostrase toda a documentación presentada por Ferroatlántica e a día de hoxe non vimos ningún documento”.

Fábrica de FerroAtlántica (grupo Villar Mir). FERROATLÁNTICA - Arquivo
Fábrica de FerroAtlántica (grupo Villar Mir). FERROATLÁNTICA - Arquivo

O día 4 de xuño de 2019, Ferroatlántica anuciou que chegara a un acordo de venda sobre o centro de traballo de Cee. Á parte diso, “tamén pediron a cancelación dun crédito a nome de Ferroatlántica que tiña con Abanca, para as centrais hidroeléctricas” di o presidente do comité de empresa. Dito crédito era un leasing, ou contrato financeiro.

O Grupo Villar Mir cando comprara a Carburos Metálicos as factorías de ferroaliaxes en Galicia, “xa tiña intención de escindir a produción hidroeléctrica da ferroaliaxe”. Mais unha sentencia do TSXG do ano 1996 non permitiría a Villar Mir a escisión. Aínda máis, o grupo industrial debía presentar un proxecto de viabilidade para as factorías de ferroaliaxes.

Para o comité de empresa Villar Mir pretendía unha manobra especulativa coa venda de electricidade desfacéndose do centro de traballo en Cee.  “Cremos que querían vender as xoias da coroa, as centrais hidroeléctricas, que poden dar sobre uns 30 millóns de euros por ano, con pouco persoal, ademais de que cada megawatio vale un millón de euros e nós temos 167 megawatios instalados”.

UN CENTRO SI E OUTRO NON

“Seguimos producindo o mesmo produto cos mesmos materiais de hai cincuenta anos” di Alfonso Mouzo. As ferroaliaxes son empregadas para producir aceiro. O mesmo produto sae de factorías en Sudáfrica. A produción deste elemento para a metalurxia precisa de investimentos máis elevados que o fornecemento eléctrico. A enerxía eléctrica que producen as plantas hidroeléctricas servía para os centros de produción de Cee, Dumbría e Sabón, en Arteixo.

Non obstante, a operación de compra non incluiu a fábrica de Sabón, tal como recolle o anuncio de TPG-Ithaka: “O socio español de  TPG  Sixth  Street  Partners,  Ithaka, (...) xestionarán as fábricas de  ferroaliaxes de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande”.  Os motivos detrás desta postura é que “o comprador non quería a fábrica en Sabón, porque o que lle interesa é a produción hidroeléctrica”.

Outro dato curioso  é que no acordo de venda dise que as plantas de Cee e Dumbría continuarán sendo provedoras en exclusiva de  Ferroglobe a longo prazo, “e á súa vez  Ferroglobe comprométese a fornecer as materias primas necesarias para a produción das plantas, o que proporciona claridade ao futuro dos seus traballadores”.

A proxección de futuro das plantas afectadas pola compra, Cee e Dumbría, pasaría por unha serie de investimentos que permitisen a competitividade das factorías. “Os novos propietarios comprometéronse a desenvolver investimentos a cinco anos por un valor que supera os 14 millóns de euros e que permitirán mellorar a competitividade e a produtividade das instalacións”. Segundo o comité de empresa esa sería a cantidade mínima para manter as estruturas e o funcionamento correcto das fábricas. “Ata o de agora tiñamos dous millóns de euros cada ano para manter as instalacións, que son moi antigas, os cálculos daban que os 14 millóns son a cantidade necesaria para que non caia a fábrica en anacos”.

O acordo de compra tamén sinala que TPG-Ithaka “confirman o seu compromiso de manter operativos os dous fornos de aliaxes de  manganeso da fábrica de Cee, cuxa actividade se renovou o pasado mes de agosto”, case dous meses despois da venda. A  reactivación destes dous fornos “permitiu non aplicar o  ERTE, que está actualmente en vigor, polo menos, durante 2019” sinalan os novos propietarios.

A segregación ou separación da parte productiva de ferroaliaxes das plantas hidroeléctricas levaría, segundo os traballadores de Cee á desaparición da planta nesa localidade. O mesmo pode ocorrer coa de Dumbría. Por que? A  produción pode trasladarse a calquera outro lugar con man de obra máis barata ou cunhas condicións máis favorables para o investimento. A produción hidroeléctrica supón uns ingresos case seguros e cos que poder negociar máis adiante.

Fábrica de FerroAtlántica. GRUPO VILLAR MIR - Arquivo
Fábrica de FerroAtlántica. GRUPO VILLAR MIR - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Somos umha pu.. colonia. A seguir votando PPSOE