Os fogares que chegan con dificultade a fin de mes aumentan no terceiro trimestre en Galicia

A Xunta destaca a caída ao "mínimo da serie histórica" da cifra de familias con "moita dificultade" para acabar o mes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2019 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

Os fogares galegos que chegan con dificultade a fin de mes aumentaron en Galicia 9,28 puntos, ao pasar do 27,8% rexistrado no segundo trimestre do ano ao 37,1% neste últimos tres meses. O dato tamén é superior ao do mesmo período de 2018, cando o porcentaxe se situou no 31,3%.

Así se desprende dos datos publicados este mércores polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sinalan que, con respecto ao trimestre anterior, prodúcese unha diminución de 7,86 puntos na porcentaxe de familias que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes.

En concreto, no terceiro trimestre de 2019 o 57,3% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, dato inferior ao rexistrado nos tres meses anteriores, cando alcanzou o 65,4%.

Con todo, baixan 1,42 puntos aqueles que chegan con moita dificultade a fin de mes, ata situarse no 5,2% no terceiro trimestre de 2019, fronte ao 6,64% rexistrado no tres meses anteriores.

Respecto diso, nun comunicado, a Consellería de Facenda destacou que esta caída ao 5,2% dos fogares galegos que chegan con moita dificultade supón "a menor cifra de toda a serie histórica" e un descenso de tres puntos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (8,6%).

INDICADOR DE CONFIANZA

Esta enquisa conxuntural a fogares do IGE tamén mostra un descenso do indicador de confianza do consumidor (ICC), que se situou en -11,44 puntos. Esta era de -7,93 puntos, e agora volve aos niveis de finais de 2018, cando se situou en -11,53 puntos.

En relación aos compoñentes do ICC, os datos do IGE reflicten un descenso do indicador da situación financeira persoal (-3,59), da situación económica de Galicia (-8,97) e do desemprego (-11,28), e unha subida do indicador de capacidade futura de aforro, que se sitúa en -21,93 puntos.

Consumo. EUROPA PRESS - Archivo
Consumo. EUROPA PRESS - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta