Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2019 | Actualizada ás 11:33
As últimas eleccións xerais, a pasada primavera, confirmaron un cambio de rumbo en Galicia coa vitoria da esquerda sobre a dereita, á que superou por un escano. Daquela, o PSOE convertiuse na forza máis votada, acadando 10 escanos, aos que se sumaron dous de Galicia en Común para facer do progresismo a tendencia maioritaría en Galicia, frontre aos 11 que sumaron PP (9) e Ciudadanos (2). Agora, a esquerda podería ampliar aínda máis esa vantaxe, con 13 escanos —entre PSOE, Unidas Podemos, Más País e BNG—, fronte aos 10 da dereita, con só o PP con representación conservadora.
Así o prognostica unha enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, na que o PP recuperaría a súa hexemonía en Galicia cun total de 10 escanos fronte aos 9 conseguidos nas eleccións xerais do pasado 28 de abril. Deste xeito, os populares (31,3% do voto) volverían gañar nas catro provincias galegas e relegarían o PSdeG-PSOE á segunda posición (26,4%), caendo de 10 a 8 actas.
Con todo, coa desaparición dos dous escanos que Ciudadanos logrou o 28A, o bloque de esquerdas superaría o PP, posto que Galicia en Común —coalición de Podemos e Esquerda Unida— conseguiría dous escanos (10,8% dos votos), os mesmos que Más País (10,5%), e o BNG (6,5%) volvería ao Congreso cunha acta.
En concreto, o PP sacaría a súa mellor porcentaxe na provincia de Lugo, cun 44,6% dos votos fronte ao 29,1% do PSOE. No entanto, ambas as forzas volverían empatar a dous escanos como o 28 de abril. En Ourense, o panorama sería o mesmo, cos populares de primeiros (36,3%) e os socialistas de segundos (28,9%).
Tanto en Pontevedra como na Coruña, o PP recuperaría os 3 escanos fronte aos 2 do PSdeG-PSOE. Ciudadanos, que conseguiu un deputado por cada unha destas circunscricións, non revalidaría este resultado e quedaría a cero.
Galicia en Común non se vería afectado pola irrupción de Más País, de modo que Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino se manterían na Cámara Baixa. Así, Carolina Bescansa, a cabeza de lista da iniciativa de Íñigo Errejón na Coruña, conseguiría a súa acta xunto coa dun compañeiro por Pontevedra.
Este panorama debuxado por Sondaxe prevé que o BNG volverá ao Congreso despois de non conseguir representación no últimos tres comicios. Deste xeito, prevese que a acta que consigan os nacionalistas sería de mans de Néstor Rego, o seu número uno pola Coruña.
MÁIS ABSTENCIÓN
En canto á abstención a pouco máis dun mes da cita coas urnas, o electorado rexistraría unha maior desmovilización que o 28 de abril. Así, a abstención crecerá case sete puntos, do 26% ao 32,8%, cun importante aumento nas provincias de Lugo e en Ourense. Pontevedra mantense como circunscrición máis mobilizada, cunha participación superior ao 70%.
O candidato máis valorado en Galicia volve ser o presidente en funcións, Pedro Sánchez, cunha nota de 4,63. Seguen a este Íñigo Errejón (Más País), que irrompe cun 3,98, e Pablo Casado (PP), cun 3,74. Pablo Iglesias (3,39), Albert Rivera (3,34) e Santiago Abascal (1,83) pechan unha clasificación na que ningún dos líderes consegue o aprobado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.