O PP nas súas propias contradicións

Máis alá da (fonda) análise económica que mereza o rescate financeiro recentemente solicitado polo goberno español, permitídeme facer unha pequena incursión no terreo da análise política.

Por Manuel González L. | Compostela | 17/06/2012

Comparte esta noticia
Pois, non pode ser máis contraditorio a argumentación que viñan mantendo dende instancias do Partido Popular, antes e despois de entrar no goberno da Xunta e do Estado, referidas a causa da crise e por tanto á xustificación dos recortes.
 
Lembremos a insistencia conservadora en asociar a crise ao excesivo endebedamento do sector público, ao que nos terían conducido as políticas de peto roto dos seus opoñontes políticos. Púñase e ponse especial fincapé nese sentido no «problema das autonomías», como causantes de máis dunha década de despilfarros. Por iso se anunciaba «repensar o Estado Autonómico», eliminar duplicidades (curiosamente sen tocar as deputacíons…), etc. En definitiva, recentralizar competencias.
 
Do mesmo xeito, culpábase e sigue culpándose da crise á sociedade pois «vivimos por riba das nosas posibilidades», sen máis matices, para deste xeito dar a entender que os axustes nos servizos básicos e por tanto na calidade de vida dos cidadáns constituían unha especie de pena polos pecados cometidos.
 
E nestas chegou o rescate. E o goberno tivo que afanarse por denominalo crédito privilexiado para a banca, non ao Estado, dando a entender dese xeito que o problema era a primeira e non o segundo. Contradicindo así todo o discurso anterior.
 
Porque «se colle antes antes ao mentireiro que a un coxo», xa o di o refraneiro popular. E agora é practicamente imposible agochar que o problema da economía española era fundamentalmente un problema de débeda privada e de excesivo crecemento do crédito ao sector inmobiliario. Que dentro deste non son os galegos ou españoliños de a pé, isto é os créditos hipotecarios ás familias, os que constitúen o principal problema para os bancos. Éo o crédito a promotores en moitos casos sobre chan que non vale absolutamente nada e co que agora tivo que apandar unha banca enferma, como supervisores e responsábeis políticos, da «exuberancia irracional» dos mercados.
 
Nin tampouco son as autonomías nin os funcionarios o principal problema, por moito que sexa necesario acometer medidas de racionalización da estrutura institucional e do gasto público, pois nin o tamaño nin a débeda do sector público español excedían (nin agora exceden, incluso despois do rescate aos bancos) a media europea.
 
O problema é outro, ao que nin o goberno español por interese e ineptitude, nin os gobernos conservadores europeos por desleixo e falla de visión global, son quen de darlle solución. Agardemos ao domingo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.