A Deputación da Coruña prevé un orzamento de 184 millóns para 2020

González Formoso critica á Xunta por "seguir atribuíndo" competencias ás entidades locais sen dotalas de achegas económicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou que o goberno provincial levará ao pleno do próximo 21 de novembro os orzamentos para 2020, que ascenden a un total de 184 millóns de euros, un 0,22 por cento máis que os do ano presente.

Formoso compareceu este xoves ante a comisión de orzamentos a Cámara galega para informar as contas previstas para o próximo ano na deputación coruñesa, que reserva un total de 72,6 millóns de euros para financiar os distintos plans provinciais.

A maior parte destas partidas concéntranse no Plan Único, dotado con 47,2 millóns de euros que se destinarán ao financiamento de obras e servizos públicos nos 93 municipios da provincia coruñesa. Segundo detallou o tamén alcalde das Pontes, o orzamento do plan único incrementarase en función da incorporación de remanentes ao longo de exercicio.

Entre as novidades, González Formoso destacou a posta en marcha dun programa de investimentos dotado con 14,7 millóns de euros para a construción e rehabilitación de senllas peonís e travesías na rede de estradas provinciais, así como outra liña de 10,6 millóns de euros para plans de emprego a nivel local.

Formoso, que goberna a deputación en coalición co BNG, foi o primeiro dos presidentes provinciais en comparecer ante a Cámara para informar os orzamentos. Non o fará a súa homóloga en Pontevedra e compañeira de partido, Carmela Silva, que xa se ausentou nos dous últimos anos.

CRÍTICAS Á XUNTA

O mandatario socialista centrou parte da súa intervención en criticar á Xunta pola falta de axuda económica ás entidades locais, a quen "atribúe numerosas competencias" sen que estas vaian acompañadas de financiamento. Así, asegurou que a elaboración das contas para 2020 está marcada pola "prudencia" ante a "ausencia de orzamentos xerais do Estado, o que expón a numerosas e relevantes incógnitas" para as contas das entidades locais.

Neste punto, cargou contra os orzamentos autonómicos para o próximo ano, nos que a Xunta "non inclúe ás deputacións entre os destinatarios do Fondo Galego de Cooperación Local, mentres as diferentes normas autonómicas séguenlles atribuíndo competencias sen cuantificación nin dotación orzamentaria".

Entre estas competencias, González Formoso mencionou os servizos sociais, os incendios, a protección animal ou a xestión de residuos, cuestións que teñen que xestionar as entidades locais "sen axuda" da Xunta.

Comparecencia do presidente da Deputación da Coruña
Comparecencia do presidente da Deputación da Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta