Feijóo insiste en que haberá centos de miles de votos de Ciudadanos e Vox que "quedarán sen escano por Galicia"

Critica o "desprezo" dos socialistas ante os intereses galegos mesmo en tempo de eleccións, os momentos "máis sensibles" para os partidos

Por Europa Press / Redacción | Narón | 03/11/2019 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que a división do voto da dereita, en Cidadáns e Vox, "favorece ao PSOE" en Galicia e no resto de España. Ante os resultados das últimas sondaxes electorais publicados, Feijóo manifestou este domingo —en Narón (A Coruña) xunto aos militantes do PPdeG— que haberá centos de miles de votos de Cidadáns e Vox que "quedarán sen escano por Galicia".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con simpatizantes e militantes do PPdeG en Narón (A Coruña)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con simpatizantes e militantes do PPdeG en Narón (A Coruña) | Fonte: Europa Press

Por este motivo, enviou unha mensaxe a todos os que "queren parar ao socialismo, nacionalismo e a Podemos" para que "unan o seu voto no Partido Popular", que é "o único que pode ofrecer unha alternativa de cambio".

O xefe do Goberno galego asegurou que "eses miles de votos que din que poden confiar en Vox e Ciudadanos" deben unirse ao PP, para que "haxa un cambio no Goberno". "Os votos cadran o único que hai que facer é unilos", apostilou.

Ao seu xuízo, a división na dereita "é unha estratexia do PSOE" para posibilitar que a lista encabezada por Pedro Sánchez sexa a máis votada.

Con todo, Feijóo espera "o fracaso" dos socialistas nestas "segundas eleccións forzadas" nas que Sánchez "pide unha confianza" que "non outorga". "A partir do 11 de novembro" ten que haber "un cambio" para "falar dos problemas da xente".

O PSOE "DESPREZA" OS INTERESES DE GALICIA

Ao seu xuízo, o Goberno de Pedro Sánchez demostrou "desprezo" ante os intereses dos galegos durante a súa estancia na Moncloa este último ano e medio. Tanto As Pontes, como Alcoa ou Navantia "non recibiron solucións nin alternativas".

Pregúntase que será no caso de que o candidato socialista consiga estar catro anos á fronte do Goberno se mesmo "en época electoral, que os partidos son máis sensibles", non dá ningunha solución "aos problemas das industrias galegas".

Respecto deste asunto, o presidente da Xunta alertou de que "Navantia quedará sen carga de traballo" ata 2022 —ano que empezará a construción de novas fragatas— se non se pon en marcha "un buque de aprovisionamento da Armada" (AOR). Ratificou que é posible facelo, contan cos planos e podería empezarse "o mes que vén".

Nunha situación similar atópanse as factorías das Pontes e Alcoa. Sobre a primeira opinou que "unha central que cumpre todos os requisitos da Unión Europea" —como "as de Alemaña, Reino Unido, Italia ou Polonia"— "non ten sentido" que deixe de funcionar en Galicia e "SE castigue" a Galicia desa maneira.

Cre que o peche traería consecuencias para o tráfico e os empregos do Porto de Ferrol, así como a "desaparición" do pobo das Pontes. Ao seu xuízo, isto é produto do "deixamento" e o "desinterese" do Goberno central por Galicia.

Sobre Alcoa dixo que a factoría é á Mariña lucense o que "Citroen é a Vigo", se desaparece a empresa "a sociedade industrial" desa zona tamén o fará.

AVE

En canto ás obras do AVE, Feijóo tamén mostrou o seu desacordo cos prazos que "non se cumpren". "Ninguén dos que estamos aquí imos poder comprar un billete Galicia-Madrid no ano 2020 porque os trens non estarán a funcionar", criticou.

Por todo, o presidente popular espera que "a partir do 11 de novembro" se conforme un goberno co que "poder falar". A situación da industria galega, o AVE e as entregas a conta "poderanse resolver se se une o voto" e "os 86.000 votos de Vox que en Galicia non obtiveron representación" súmanse ao Partido Popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

El voto del miedo. Ya no le queda otra disculpa a Feijóo