O 'efecto Medicina' esténdese a outras facultades da USC tras tres días de folga indefinida do alumnado

As asembleas en Bioloxía, Políticas, Maxisterio, Comunicación e Farmacia son as que se uniron ata agora para denunciar os problemas que sinalan coma "estruturais" da Universidade de Santiago. Sindicatos médicos apoian as reivindicacións dos estudantes sobre a docencia: "Son xustas e imprescindibles".

Por Raúl Novoa | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O éxito e repercusión social das mobilizacións do alumnado de Medicina de Santiago, en folga indefinida e de protestas polas condicións da docencia, contidos e organización do grao, está a reactivar o movemento asembleario noutras facultades do campus compostelán. Compróbase coas asambleas das facultades de Bioloxía, Comunicación, Maxisterio, Farmacia e Políticas que organizan nestes días. Representan movementos de alumnado horizontais que xa existían previamente ou créanse novos. Ante a avalancha de apoios á campaña reivindicativa emprendida pola Asemblea de Aberta de Medicina, decidiron sumarse para sacar á luz e atallar unha serie de problemas e carencias que teñen cadansúas facultades.

Asemblea de alumnos de Medicina en Santiago
Asemblea de alumnos de Medicina en Santiago | Fonte: Europa Press

Segundo consideran as diversas asambleas, os problemas van máis aló das súas propias facultades e afectan a "cuestións estruturais" da propia USC. Desde a Asamblea de Maxisterio, destacan: "a incapacidade da USC de solventar os problemas que van xurdindo" e que "vive do seu prestixio histórico". Por outra banda, desde a asamblea da Facultade das Ciencias da Comunicación explican a importancia de "tecer redes sociais e subirnos xuntas ao carro para conseguir máis melloras". 

"Queremos mostrar o noso total apoio, así como ofrecer a nosa forza para axudar en todo o que podamos. Na nosa facultade sabemos ben o que é sufrir a incompetencia", denunciaron os futuros comunicadores. Sinalan coma "gran problema" as novas introduccións de profesores asociados que son cargos directivos nos medios públicos galegos. Segundo sinala o alumnado, eses profesores "fan propaganda nas súas clases sobre o que fan nestes medios". Ademais, sinalan "problemas graves" no Dobre Grao, "incoherencias" en plans de estudos, horarios, falta de material e infraestruturas "deficientes".

Neste mesmo día reuniuse a Asemblea Aberta de Bioloxía. Tamén apoiaron as protestas de Medicina ao tratarse dun ámbito profesional que lles afecta "directamente" e animan á loita conxunta "pola emancipación dun sistema mal deseñado" pola carga horaria, a excesiva presencialidade, os requisitos académicos e mesmo "as actitudes despectivas cara ao alumnado por condición relixiosa, racial ou sexual". "Son o pan de cada día de moitas das alumnas de Bioloxía e do resto de facultades, o que pode significar un problema estrutural da USC", sinalan. Isto vai vencellado á "incomodidade" de que o alumnado de Farmacia non ten facultade e dan as leccións en diversas aulas de diferentes facultades. "Debemos tecer lazos en común para traballar certas problemáticas" enfatizan.

Por outra banda, a Asemblea de Maxisterio reunirase o vindeiro luns, convocando a un alumnado que leva xa varios anos reclamando condicións dignas para a facultade e denunciando un persoal docente "Insuficiente" para cubrir todas as clases, así coma as condiciones "deplorables" das infraestructuras da Facultade. Reclaman: "unha mellora efectiva para as condicións do estudantado".

Así mesmo, desde Xuntas por Políticas trasladaron a súa "solidariedade" coa Asemblea Aberta de Medicina e suman á "onda de mobilizacións que está por chegar". "Por un ensino de calidade na USC!", exclamaron no manifesto compartido nas súas redes sociais e finalizan o manifesto apelando de novo á unidade: "Xuntas somos máis fortes".

TRES DÍAS DE PARO

En Medicina, pola súa banda, este xoves cúmprense tres días desde o inicio das mobilizacións e da folga indefinida que manteñen na facultade. Participaron xa en varias reunións co equipo do decanato para tentar chegar a un acordo que permita atallar as diversas carencias e problemáticas que denuncian. De momento, non mostraron un compromiso suficiente para desconvocar os paros.

Sobre o que está a acontecer na facultade de Medicina, as asambleas de estudantes coinciden na "gran capacidade de mobilización que acaban de ter". "Queda moito traballo por diante para conseguir as melloras plantexadas, mais ese é o camiño do que temos que coller exemplo" destacan desde a Asamblea de Maxisterio.

Mentres tanto, seguen chegando apoios desde diferentes puntos do Estado e desde a propia comunidade médica e científica, como o propio investigador Anxo Carracedo, entre outros.

APOIO DOS SINDICATOS MÉDICOS

Os sindicatos médicos CESM e O'mega trasladaron o seu apoio ás reivindicacións dos estudantes da facultade de Medicina. Tamén a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) manifestou o seu "rotundo apoio" e as súas reivindicacións "xustas e imprescindibles", sobre todo ante "as 'maratonianas' xornadas de clase que teñen agora, de ata 11 horas diarias", que "non poden ser efectivas, dada a profusión e complexidade das materias que se abordan na carreira de Medicina".

A Asamblea de Comunicación, establecendo a súa organización
A Asamblea de Comunicación, establecendo a súa organización | Fonte: GC.

"Se a esta situación sumamos a incompatibilidade horaria que se produce con frecuencia, ao solaparse unhas clases con outras e a falta de profesores, que é un feito constatable na actualidade, está claro que é precisa unha revisión e actualización dos plans de estudo para adaptalos á realidade do século XXI", advertiron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta