Familiares de Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño súmanse á querela arxentina contra o franquismo

O neto de Bóveda advirte de que "fan falla políticas de memoria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Familiares do ilustre galeguista Alexandre Bóveda e do expresidente da Deputación de Pontevedra Amancio Caamaño asinarán a querela arxentina contra os crimes do franquismo, a denuncia interposta ante un xulgado penal do país suramericano polos delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977.

Retrato de Alexandre Bóveda
Retrato de Alexandre Bóveda | Fonte: Fundación Alexandre Bóveda

Esta decisión materializarase nun acto institucional que terá lugar este sábado, 16 de novembro (ás 12,00 horas), no marco dunhas xornadas sobre memoria histórica organizadas pola Deputación de Pontevedra e nas que intervirán, entre outros, representantes da coordinadora CeaQua.

O neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, destacou que "fan falla políticas de memoria", porque aínda hoxe seguen vixentes sentenzas firmes "nas que as persoas asasinadas constan como traidoras á patria nos xuízos sumarísimos e consellos de guerra que aplicaron os golpistas". Afea que o Estado español non dése pasos neste sentido.

Segundo os datos facilitados, actualmente están presentadas e en diferentes fases xudiciais máis de 600 querelas que implican a máis de 9.000 persoas vítimas do franquismo. En Galicia, estímanse que entre os xuízos sumarísimos e as persoas paseadas poderían estar afectadas máis de 5.000 familias de vítimas.

APOIO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra convértese así nunha das primeiras administracións que comparte e asume os postulados de loita contra a impunidade defendidos polos colectivos memorialistas, dixo a deputada María Ortega. Lembra que a día de hoxe seguen vixentes condenas por "traizón á patria" de persoas como Alexandre Bóveda.

"Entendemos que é o marco idóneo para que as familias poidan adherirse á querela, e facemos un chamamento para seguir este camiño", sinalou María Ortega.

Pola súa banda, a xornalista Montse Fajardo, representante da Iniciativa Galega da Memoria, fixo un chamamento ás familias para que saiban que teñen apoio da Deputación de Pontevedra para loitar fronte á Lei de Amnistía da Transición, que definiu como "un muro", e se adhiran á querela arxentina ou presenten a súa propia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta