Achan caixas do peixe do pesqueiro varado en Porto do Son nunha praia próxima

A alerta na costa fai imposible o traslado do combustible que aínda queda no pesqueiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2019 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

Aveños do pesqueiro 'Divina do Mar', que embarrancou na madrugada deste martes en Porto do Son, como caixas do peixe, foron achadas este mércores nunha praia próxima.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Confraría de Pescadores de Portosín, onde ten o porto base o pesqueiro sinistrado, que explicaron que se localizaron "caixas de peixe" na Praia da Arnela, a uns "3 ou 4 quilómetros por terra" de onde está a embarcación.

Por iso, desprazouse persoal da confraría ao areal para retirar as caixas de peixe do pesqueiro, que saíra a faenar cando sucedeu o accidente debido ao que faleceu un tripulante, cinco foron rescatados por outro pesqueiro e tres chegaron a terra polos seus propios medios.

As mesmas fontes concretaron que por terra se mobilizou persoal dunha empresa para tratar de sacar con bombas o combustible do pesqueiro, pero fontes de Salvamento Marítimo ratificaron que non é viable esa operación polas condicións meteorolóxicas, a subida da marea e a localización do barco.

Por parte da Confraría de Portosín, o vicepatrón, Isaac Gaciño, manifestou a Europa Press que o barco será "desmantelado" en próximos días, unha vez que se retiren os aveños, se leven a cabo as inspeccións oportunas pola investigación sobre o sinistro e melloren as condicións meteorolóxicas na zona, onde este xoves está prevista alerta vermella por ondas de máis de oito metros de altura.

Por parte de Salvamento Marítimo asegurouse que non hai "ningún perigo para a navegación" na zona onde se atopa o 'Divina do Mar', porque o pesqueiro varado "está na costa".

Estado do pesqueiro 'Divina do Mar' ao día seguinte de embarrancar en Porto do Son.. SALVAMENTO MARÍTIMO
Estado do pesqueiro 'Divina do Mar' ao día seguinte de embarrancar en Porto do Son.. SALVAMENTO MARÍTIMO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta