Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/11/2019 | Actualizada ás 20:21
A exposición 'Galicia, un relato no mundo', un "espello no que mirarse" e co que establecer "un diálogo", segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quedou inaugurada este xoves na Cidade da Cultura de Santiago. Poderá verse ata o próximo 12 de abril.
Pola súa banda, o comisario, Manuel Gago, destacou que o obxectivo desta mostra, a primeira de tres grandes exposicións con motivo do Xacobeo 2021, é "crear un espazo compartido, un proxecto común e un facer visible Galicia". Iso, para unha nova xeración "transmedia".
Na súa intervención, Núñez Feijóo, despois dunha visita guiada e acompañado por diversas autoridades como o conselleiro de Cultura, o deán da Catedral de Santiago, o alcalde compostelán e o vicepresidente da Fundación Hispanoxudea, Alberto Ruiz-Gallardón, reivindicou os "retrincos dunha historia en que todos" poidan sentirse a gusto.
Resaltouno "nun momento" no que, dixo, hai quen utiliza "a historia como unha ferramenta para separar a xente". "Inventan discordia retroactiva", criticou, para contrapolo con que "aquí" hai "concordia retroactiva".
MÁIS DE 300 PEZAS
'Galicia, un relato non mundo' reúne máis de 300 pezas entre as que sobresaen algunhas como o denominado Libro das Invasións, onde se atopa a primeira mención coñecida ao lendario líder Breoán.
Tamén entre os seus imprescindibles sitúanse o Mapa de Sawley, un dos primeiros mapas mundi europeos; o Guerreiro de Lesenho e a Santa de Francisco Asorey.
Moitas delas é a primeira vez que se poden ver en Galicia, tal e como chamou a atención a comisaria do Xacobeo 2021 durante a inauguración.
Feijóo subliñou que a exposición mostra a "luz permanente e inesgotable" da cultura galega e "desmente o sambenito do atraso", aínda que en "momentos pouco propicios, Galicia trasládase para retornar con máis ánimos".
Por último, trasladou o seu agradecemento ao Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Bodleian Library, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Cambridge, o Museo Nacional de Arqueoloxía de Portugal, a Casa de Galicia en Uruguai e a Biblioteca Nacional, por confiar no proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.