Feijóo afirma que Europa "non se fía" das contas públicas españolas nin da coalición PSOE-Podemos

O presidente da Xunta apunta, tras descartar Casado a abstención, que "ninguén lle vai dar un cheque en branco" a Pedro Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/11/2019 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves que Europa "non se fía" das contas públicas españolas nin da coalición de PSOE e Podemos, polo que, neste contexto, "non hai pingas de optimismo", senón "profundas borrascas de pesimismo" ante as negociacións que se están dando encamiñadas a formar goberno.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello | Fonte: Europa Press

Tras o Consello da Xunta, Feijóo incidiu en que "ningún candidato ten o encargo de formalizar goberno" porque ao rei "non se lle deu nin a posibilidade" e remarcou que "é a primeira vez que ocorre" que dúas formacións asinen antes un preacordo político.

"Isto empeza mal", subliñou, convencido de que as primeiras consecuencias "non poden ser máis alarmantes".

A continuación, esgrimiu que empezan a xurdir "elementos que preocupan a todo o mundo", como a "reiteración constante e continua" por parte da Unión Europea (UE) de que as contas españolas "non pasan o visado das normas europeas".

"E isto agrávase porque Europa non se fía da coalición de PSOE e Podemos, da que teñen a chave (Quim) Torra e (Oriol) Junqueras. O que ocorra en España decidirano Torra e Junqueras: un desde o desacato permanente ao Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e o outro, desde o cárcere", advertiu.

SOBRE A POSTURA DE CASADO

Por outra banda, sobre a postura do seu xefe de filas, Pablo Casado, quen descartou unha abstención do PP ante unha investidura de Sánchez, pero abriuse a facilitar a gobernabilidade, o tamén líder do PP galego reafirmouse nisto.

Defensor da gran coalición, Feijóo reafirmouse en que o PSOE ten dúas opcións: "Abrazarse ao populismo" de Podemos e dos independentistas cataláns ou a quen defenden "a Constitución, a liberdade, a igualdade e o Estado das Autonomías".

Ao seu modo de ver, o segundo camiño é "máis útil" que pór un hipotético goberno "en mans de populistas e independentistas", algo que sería "exótico en calquera país democrático: que partidos que buscan a desintegración do Estado formen parte do Goberno".

Nesta conxuntura, admitiu que "ninguén vai dar un cheque en branco a Pedro Sánchez, é imposible". "E a Podemos e aos independentistas cataláns é algo aínda máis imposible", apostilou.

"Se o PSOE quere construír, hai posibilidades dun acordo dentro da Constitución, se quere saírse xa non é unha responsabilidade que nos afecte", resolveu o presidente galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ejpañolsiempre

E fiábanse dos CorruPPtos que gobernaban antes?