Esta é a radiografía da loita contra a violencia de xénero en Galicia

Neste Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller, o GC analiza tres dos espazos de actuación: os xulgados, a educación e a atención psicolóxica. Hai moito feito pero por diante aínda queda camiño: faltan recursos nesta loita e é preciso desterrar dunha vez por todas os roles que asumimos dende que nacemos.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A violencia de xénero, ese maltrato cara a muller, é a punta do iceberg dun problema de fondo, o resultado dun entramado social e cultural chamado patriarcado no que aínda hoxe a sociedade está inmersa. Esa superioridade moral duns e submisión doutras foi aprendida ao longo da historia, avalada a todos os niveis e sustentada por un sistema social que o permitiu.

Manifestación en Vigo contra o machismo da ultradereita
Manifestación en Vigo contra o machismo da ultradereita | Fonte: Miguel Núñez

Os datos mostran a dimensión real deste problema. No que vai de ano en Galicia interpuxéronse 764 ordes de protección. No total do estado case 30.000 mulleres levan protección oficial e hai 1.353 dispositivos activados para facer un seguimento desas ordes e documentar os quebrantamentos. O 016, número de atención a vítimas, atendeu 850.000 chamadas dende aquel ano 2007 en que se puxo en marcha. Só este ano, xa levan 50.000 chamadas. As denuncias falsas son irrisorias: a Memoria da Fiscalía Xeral do Estado recolle que de todas as denuncias de 2009 a 2018, o porcentaxe das falseadas é de 0,01%. Si resoa nas nosas cabezas o número de asasinadas: 52, tres delas en Galicia.

A última macroenquisa do Ministerio de Interior recolle que o 12'5% das mulleres aseguran que sufriron violencia física e psicolóxica nalgún momento da súa vida. Un 8% delas agresións sexuais. E tamén hai datos para os maltratadores: máis de 7.000 están cumprindo condena en prisión en todo o estado por cometer un delito de violencia de xénero. Perante todas estas cifras... Que é o que se está facendo mal? Responde á realidade a Lei de Violencia de Xénero? Estamos educando ben as futuras xeracións? Velaquí tres caras fundamentais dunha moeda poliédrica: a xudicial, a educativa e a psicolóxica. 

O XUDICIAL: EIVAS E AVANCES

Moitas mulleres non chegan a dar o paso de denunciar ou bótanse atrás logo de interpoñer a denuncia. Algunhas porque non o consideran de importancia ou porque cren que poden resolver a situación soas, outras por medo e outras por vergoña. Raquel Castillejo, catedrática de Dereito e experta en violencia de xénero e mediación, asegura que non senten o apoio institucional; e Paz Filgueira, xuíza do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo durante oito anos, engade a falta de recursos no propio sistema. Nos comezos deste xulgado máis do 50% das denuncias eran arquivadas: "Trátase dun crime que se comete na intimidade, se elas non declaran, non se pode avanzar". 

Concentración en Vigo en repulsa da violencia de xénero e os asasinatos machistas
Concentración en Vigo en repulsa da violencia de xénero e os asasinatos machistas | Fonte: Miguel Núñez

Filguera critica que algunhas veces non se conta con forenses e psicólogos suficientes, e que isto afecta sobre todo ás zonas rurais. A xeografía tamén inflúe. Tendo en conta que só o 20% da poboación vive no rural, nos últimos catro anos o 52% dos asasinatos producíronse nestas zonas. "É un dato escandaloso. Hai menos información, menos recursos, non hai policía especializada... O seguimento dun caso non é o mesmo no rural ca na cidade", di Filgueira. Esta xuíza entende que o gran fallo do sistema reside na fase de investigación, e os datos sustentan esta idea: de todas as denuncias que se interpoñen só un 13% conseguen chegar a xuízo. Cando o fan, máis do 70% son condenatorias. 

Tanto Filgueira coma Raquel Castillejo consideran que, xa en sala, non se xulga dende unha perspectiva de xénero: persisten os estereotipos, os imaxinarios sociais do patriarcado e a cultura machista. Se ben Galicia conta con dous xulgados especializados - un en Vigo e outro na Coruña - "non hai tradición nin formación preocupada. Empézase agora, pero con moitas carencias", asegura Filgueira. 

Respecto da Lei de Violencia de Xénero, Castillejo comenta que no seu día foi pioneira, pero 15 anos despois, estase vendo que "non paraliza o maltratador". Do mesmo xeito o Código Penal merece dunha revisión para "adaptármonos ao momento". As campañas contra o maltrato, segundo Filgueiras, "non son efectivas". O Convenio de Estambul que entrou en vigor en España no 2014 advertía de que debían dirixirse aos homes, mais poucas veces isto se cumpre. Moitas delas veñen reforzando estereotipos - o ollo morado - e estigmas sobre as mulleres vítimas - son pobres e sen estudos -.  "Nunca ves nas campaña unha muller rica, no seu chalé, co ollo morado", sentenza Filgueira. 

O EDUCATIVO: AS CONSCIENCIAS MOZAS

A actuación penal non debe ser o único recurso fronte á violencia de xénero. Mudar imaxinarios colectivos e xeitos de relacionármonos é parte fundamental nesta loita. Os roles asúmense dende que nacemos, de maneira que xa cativos e cativas somos vítimas dun sistema que nos prende. Un novo mundo pasa por comprender estas condutas defectuosas, educar emocionalmente, cuestionar masculinidades e xerar outras novas.

Nesta teima anda Jorge Boga, que leva un tempo impartindo aulas sobre xénero e diversidade por diferentes colexios de Galicia. Conta que adapta os seus contidos en función da etapa que lle toque, dende infantil ata a ESO. "En Primaria fago moitos xogos que demostren a desigualdade que existe, e a medida que vou subindo cursos, vou falando de conceptos máis concretos. Na ESO xa non teño límites".

Polo que sente na aula, considera que a mocidade está formada, pero que non debemos caer no 'espellismo de xénero': "non todo está feito, cando me falan tenden a ser correctos, din que no fogar as tarefas son compartidas, pero iso en moitos casos non é certo". O feminismo é unha loita pola que se senten abandeiradas, mais tamén hai quen o segue equiparando ao machismo. "Mantense o estigma", asegura. Ademais, Jorge observa que os celos son vistos aínda hoxe como algo positivo, como unha mostra de amor á parella. 

Nestes tempos onde os discursos políticos se radicalizaron e se lexitimaron falsidades, córrese o risco de que estes novos argumentarios callen na xente moza. "Téñome atopado con casos de rapaces que reproducen o ideario de Vox", sentenza Jorge, que apela a unha educación dende unha perspectiva de xénero que abarque todos os contidos educativos. Así mesmo o considera Raquel Castillejo, que asegura que que estes discursos "calan de mala maneira". "E é o que menos precisamos".

O PSICOLÓXICO: REFACER UNHA VIDA

A última cara desta nosa moeda vai parar ao labor da psicoloxía. A atención terapéutica á vítima ao longo de todo o proceso e de cara a refacer unha vida é un eixe vertebrador desa recuperación. En Galicia, a Xunta xunto co Colexio Oficial de Psicoloxía ofrece un programa de atención a vítimas de violencia de xénero cuxo acceso é gratuíto e se garante unha resposta antes das 48 horas. Trátase dun convenio a través do que unha muller pode solicitar atención, ademais, preto do lugar onde habite. No que vai de ano foron incluídas neste servizo máis de 400 mulleres.

"É importantísimo que se sintan atendidas, que vexan que alguén as está escoitando, que as está crendo", asegura a coordinadora do programa, Mariluz Losada. "A nosa función é axudar a muller a integrar a experiencia vivida de tal xeito que forme parte da súa historia sen que faga dano a medio ou longo prazo". A contextualización do que ocorre e a explicación ás mulleres de por que chegaron a sufrir tal situación é un primeiro paso para superalas. O patrón psicolóxico que presentan vén trazado polo medo e a sensación de irrealidade. "A pesar da orde de protección, algunhas seguen tendo ameazas. Quizais non directamente do agresor, pero si do entorno que lles dá información", conta Losada.

Dende os xulgados e dende a educación hai que poñer trabas ao avance da violencia. Dende a atención psicolóxica hai que rexenerar. É a punta do iceberg dun sistema social asentado no patriarcado que cómpre desterrar xa. 

Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller
Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gulías

O feminismo é (moi) necesario, impresindible na sociedade. O "hembrismo", abertamente presente en moitos actos feministas, xa non tanto... O feminismo ten que afastarse das 4 tolas que poñen a moita xente en contra das reivindicacións lexítimas das mulleres. Machismo e hembrismo son a mesma moeda, o feminismo é a solución.

1 AntiMillet

Unha cousa é a igualdade total entre homes e mulleres, que é de sentido común. E outra aceptar o feminismo tal e como o conciben Simone de Beauvoire ou Kate Millet, que é unha aberración. E por iso, as políticas de violencia "de xénero" non funcionan e a violencia vai a mais. É política, as mulleres mortas non lles importan ren. É so unha desculpa para recibir subvencions ou que entren a dedo algunhas para que vivan do conto en postos de traballo artificiosos.