Galicia en Común ve posible un "punto de encontro" con ERC para que facilite o Goberno PSOE-Unidas Podemos

Evita pronunciarse sobre se Seguridade Social debe desligarse de Traballo, pero lembra que xa estiveron separados ata 1981.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/11/2019 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

Galicia en Común considera que é "posible" chegar a un "punto de encontro" con Esquerra Republicana (ERC) para que facilite o Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos no que ambos os partidos están a traballar porque, ao seu xuízo, sería "un enorme erro" ir a unhas terceiras eleccións.

Yolanda Díaz, portavoz de Galicia en Común e deputada de Unidas Podemos
Yolanda Díaz, portavoz de Galicia en Común e deputada de Unidas Podemos | Fonte: Europa Press

Así o puxo de manifesto no Congreso a deputada electa de Galicia en Común, Yolanda Díaz, sinalada como posible ministra de Traballo do novo Gabinete, que declinou pronunciarse sobre os detalles da estrutura do futuro Executivo e nin sequera quixo opinar sobre se Seguridade Social debe ou non formar parte da carteira de Traballo.

Tanto Díaz como o seu compañeiro de formación Antón Gómez-Reino mostráronse optimistas con que será posible desbloquear a situación e conformar un Executivo "progresista". "Estamos convencidos de que agora se vai materializar", dixo.

O DESEXABLE É QUE ERC NON BLOQUEE

Os deputados de Galicia en Común cren que se acabará escoitando a voz que a cidadanía expresou nas urnas nos comicios do pasado 10 de novembro a pesar de coñecer as condicións que ERC puxo enriba da mesa para permitir a investidura de Sánchez, cuxos votos son determinantes.

Neste sentido, Yolanda Díaz foi un pouco máis aló ao asegurar que é "posible" chegar a un "punto de encontro" con ERC e que sería "desexable" que os independentistas cataláns permitisen dar paso a un Goberno de PSOE e Unidas Podemos.

"O noso país non quere unhas terceiras eleccións, senón que dialoguemos, que falemos e que cheguemos a un punto de encontro", manifestou Díaz, incidindo en que unha repetición electoral non só sería "un enorme erro" senón que, ademais, podería "abrir as portas" a un Goberno liderado por Vox, o que, ao seu xuízo, sería un "desastre" para o país.

A DISCRECIÓN, A CLAVE DO ÉXITO

A pesar das preguntas dos informadores para que desen conta de como están as negociacións e como podería ser a repartición de carteiras dese futuro Goberno de coalición, ningún dos dous deputados quixo desvelar nada porque, en primeiro lugar, non están nas conversas e, en segundo, porque cren que "o éxito do proceso está na discreción" coa que se está traballando.

"Non debemos, pola bondade do resultado, sinalar nada do que se está negociando", respondeu Díaz cando se lle preguntou se a carteira de Emprego debería estar en mans de Unidas Podemos ou se o próximo Goberno debería derrogar a reforma laboral.

"Para nós o fundamental non son as persoas, senón as políticas e que se atendan as moitas demandas de Galicia en diferentes materias, como as infraestruturas, o financiamento autonómico ou as políticas sociais", engadiu, pola súa banda, Gómez-Reino.

A Yolanda Díaz, que soa como posible ministrable, preguntóuselle se cre que se debería desligar Seguridade Social de Traballo no futuro Executivo, pero deixou esa decisión en mans de Pedro Sánchez que é, segundo reiterou, a quen compete definir a estrutura administrativa e organizativa do Goberno.

Agora ben, si puxo de relevo que no pasado ambos os Ministerios estiveron separados. Concretamente, estaban en carteiras separadas ata 1981, que foi a primeira vez que ambos os asuntos se integraron no Departamento de Traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ulforroxo

Yoli, ministra de traballo (trepar é moi traballoso pero ela e campiona mundial) e Tone, ministro de deporte (esquiar en Suiza é a súa especialidade). Máis lles vale acadar algún postiño agora porque se hai terceiras eleccións non sacan votos nin pra ser porteiros no senado... Galicia En "Comín Ben Dela".

1 Isidro

A ministra de traballo ¡¡¡