Por Xosé Antonio Pena | Santiago | 01/12/2019 | Actualizada ás 12:15
Naqueles casos en que queremos dar a entender que a condición ou natureza dunha persoa, e sobre todo os seus defectos e carencias, non se poden agachar ou encubrir con melloras meramente externas acostumamos botar man, ó dereito desde o castelán, da paremia aunque la mona se vista de seda, mona se queda. En galego existen paremias (algunhas practicamente idénticas á correspondente castelá, outras non) que dan tamén conta dese mesmo contido. Vexámolas.
Aunque la mona se vista de seda, mona se queda
Aunque la mona se vista de seda, si mona era, mona se queda
{= Paremias con que se dá a entender que as roupas, vestidos e adornos exteriores de alguén todo o máis que poden facer é mudarlle a aparencia, pero nunca a súa verdadeira natureza ou esencia, que vai seguir igual, nin encubrir os seus defectos e carencias. Por extensión tamén se poden aplicar en certos contextos a un ente ou entidade que tendo no pasado unha mala sona ou reputación busca modificar dalgún xeito a súa imaxe externa para non ser relacionado –ou tan facilmente relacionado– con ese pasado.}
Inda que a mona (se) vista de seda, se mona era, mona queda # se mona é, mona queda
A mona, aínda que (se) vista de seda, se mona era, mona queda # se mona é, mona queda
Inda que a mona (se) vista de seda, mona queda
[E MAIS TAMÉN]:
Moitas sedas ten o porco e non sae de marrán # e non pasa de marrán
O toxo non sae de toxo por (moi) floreado que estea
O toxo é toxo por (moi) floreado que estea
Ex.: A lo mejor estas primeras semanas los engañas a todos, pero nosotros bien sabemos que aunque la mona se vista de seda, mona se queda, por lo que no tardarán en darse cuenta de cómo eres realmente.
Se cadra estas primeiras semanas es quen de os enganar a todos, pero nós ben sabemos que inda que a mona (se) vista de seda, se mona era, mona queda ‡ que a mona, inda que (se) vista de seda, se mona é, mona queda ‡ que moitas sedas ten o porco e non sae de marrán ‡ que o toxo non sae de toxo por moi floreado que estea, polo que non tardarán en apercibirse de como es realmente.
Ex.: No bastó con cambiar simplemente el nombre y logotipo de la empresa, porque aunque la mona se vista de seda, mona se queda.
Non abondou con mudar simplemente o nome e logotipo da empresa, porque inda que a mona (se) vista de seda, se mona era, mona queda ‡ porque a mona, inda que (se) vista de seda, se mona é, mona queda ‡ porque moitas sedas ten o porco e non sae de marrán ‡ porque o toxo non sae de toxo por moi floreado que estea.
● Mesmo tamén, nunha liña moi semellante, e aplicables só en certos contextos bastante limitados:
Unha cousa é a pintura e outra moi outra é a figura && Na pintura non está a figura
NOTAS:
1. Cómpre ter en conta que hai tamén paremias que se empregan xustamente no sentido contrario ás que estamos a ver no presente artigo, coma por exemplo vístete, cepo, e parecerás un mancebo ou compón un cepo e semellará un mancebo.
2. Polo que atangue á paremia moitas sedas ten o porco e non sae de marrán (que forma parte, por exemplo, da Foliada de Olás), cómpre ter en conta que a voz seda non se refire á “substancia segregada polas eirugas de certos lepidópteros” nin ó “fío e tecido que se fai con esa substancia”, senón a “cada un dos pelos fortes e duros de certos animais” (isto é, ó que en castelán se denomina cerda).
De feito, é moi probable que na expresión se estea a xogar, precisamente, co segundo e terceiro destes significados, na medida en que a seda como tecido se relaciona co luxo ou, cando menos, coa boa presenza ou aparencia exterior, e contrapóndoo deste xeito á natureza cocha do porco, que por moitas sedas (referidas, neste caso, ós pelos duros) que teña non deixa de ser cocho.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001.
- Ferro Ruibal, Xesús: Refraneiro Galego Básico. Biblioteca da Cultura Galega. Ed. Galaxia, Vigo, 1995.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Refraneiro de Grou (Lobios) recollido por Bieito Fernandes do Palheiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 241-253. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Pereira Ginet, Tomás: “Fiando paremias (I): glosario paremiolóxico multilingüe galego, portugués, castelán, francés, italiano e inglés”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 191-223. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.