Castellanos de Galiza

“Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ¡ai!, tan hermosa”, Rosalía de Castro.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 26/07/2012

Comparte esta noticia

A españolidade en Galiza é un dogma de fe que rifa coa lóxica. Como, se non, pode haber tanto galego que viva nun país de países (a Santísima Trindade), cunha lingua común (Babel) e unha bandeira facha que xa non o é por obra e graza do Espírito Santo (fútbol)? Este non é lugar para a ciencia; un ten a sorte de ser español, español, español, ou non a ten, porque Deus o quere. 

 
Con todo, se aínda no resto do mundo os designios de Deus son inescrutábeis, en Galiza son tan previsíbeis que mesmo aparecen na forma dun DNI. Un español de Galiza nunca debaterá o que diga un cartón forrado en plástico, e detectará a man de Satanás en calquera persoa que o faga, porén a súa caridade cristiá lle obriga a executar prácticas exorcistas: "Tú eres español, español, español". 
 
Un español de Galiza pode berrar ao chou "Viva España" ou "Viva Galicia"; "Viva Castelao" ou "Viva la República"; e mesmo "Viva a tortilla de miña nai" cando non haxa Cristo que a trague, pois a orixe da súa iconodulia é, esta vez si, verdadeiramente inescrutábel. 
 
O castellano de Galiza presume de ser máis galego que ninguén; tan galego que mesmo declara ser primeiro galego antes que español... e despois unha ra ou unha cebra. Pensa ademais que os lingüistas máis eruditos en lingua galega falan portugués e que en Galiza se fala un español máis correcto que na mesma Castilla. 
 
O seu lema de vida é chegar e encher; apúntase todas as medallas, xa sexan as dun xogador de baloncesto catalán, como as dun tenista balear ou dun futbolista manchego. Gústalle presumir no estranxeiro do sol das Canarias, do AVE madrileño, do Metro de Málaga, da moderna Barcelona ou dos San Fermíns, 
 
Un español de Galiza non acreditaría na independencia aínda que Galiza tivese equipa propia de fútbol e no anuncio de Gadis, Mel Gibson fixese de supergaiteiro. Nunca será nacionalista por gandulo, porque lle gusta que lle veña todo feito, xa sexa un menú do día, unha vitoria de España ou un real decreto. Por iso, cando os castellanos de Castilla farfallan con que están facendo historia, os castellanos de Galiza déixanse facer. 
 
Non teñen medo da Europa das dúas velocidades porque eles xa hai tempo que ficaron parados. Son prisioneiros da súa preguiza e viven na nosa terra como se esta fose a caverna de Platón. Imaxinan que a periferia está no centro do Atlántico e que a Meseta é un varadoiro que lles impide afundirse no océano. 
 
Os seus corpos inmóbiles enchen por miles as nosas cidades, vilas e aldeas, obstaculizando o recto camiñar daqueles outros que teñen a inmodestia de ser, simplemente, galegos... únicos, universais e irrepetíbeis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.