Poemas Gallegos

Pídolles, por favor, que fagan un pequeno exercicio de meditación; que vexan este vídeo de apenas 16 segundos e pronuncien mentalmente, con toda a solemnidade que lles sexa posíbel: “Este é o PRESIDENTE DE GALIZA”.

Por F.Glez.Tenreiro | Ferrol | 22/05/2014

Comparte esta noticia
 

 
O Presidente de Galiza, o Primus inter pares; o Primeiro dos Galegos. E si... é normal.
Imaxinan vostedes un presidente español que non soubese que Cervantes escribiu Don Quijote de La Mancha, un presidente inglés que non soubese que Shakespeare escribiu Hamlet ou un presidente ruso que non soubese que Tolstoi escribiu Guerra e Paz?
 
Pois nos temos un presidente que non sabe que Rosalía de Castro escribiu Cantares Gallegos. E é normal.
 
Este é o noso país tan normal, onde os procesos de normalización lingüística son substituídos por procesos de subnormalización destinados a que che saia por diante un gallego bilingüe defendendo os dereitos dos castellanos, un gallifante azul que che faga esquecer o nome galescola porque soa demasiado galego.
 
O noso país tan, tan, tan normal... onde cada vez máis e máis vilas celebran unha desas ferias de abril a la gallega que pouco a pouco se van asentando “na nosa tradición”, e que para maior honra da normalidade xa non soan tanto a galego como, por exemplo, “maios”.
O país da normalidade, onde é normal non poder ver no cine películas en galego (nin en subtítulos); onde é normal escoitar máis flamenco e sevillanas que muiñeiras e alboradas; onde é normal ser xulgado, sancionado, multado, detido ou amedrentado na lingua de Castela aínda que un non a fale; ou onde é normal que a memoria da diva das súas letras, muller feminista e precursora do nacionalismo galego, se oculte no ostracismo de Padrón á sombra dun “gamberrete” como Camilo José Cela, referente ideolóxico de Arias Cañete grazas a perlas tales como: “Las mujeres están para ser gustadas. Después, unas se dejan, otras no... Eso ya va por provincias”.
 
A pesar do conto, estou convencido de que o Presidente de Galiza non é tan normal (termo que, aos efectos deste pequeno artigo, significa subnormal). Quero pensar que, polo menos, coñecía outro libro de Rosalía, e que se optou por dicir o título da outra obra que “case sabía” non foi senón porque unha parte moi importante dos seus votantes non ía entender que lle dixese “Follas” a unha presentadora en televisión. Aínda que fose unha chacota á altura de todo un nobel de provincias...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.