Fútbol, traballo e lingua

"Antes de meternos en cuitas económicas y estudiar la gravísima situación que atraviesa España y la moneda única europea, queremos poner una sonrisa con una de las imágenes del día. España jugó con Torres de 9 y dio un baile espectacular a Irlanda", así abría a semana pasada o seu facebook un coñecido medio de comunicación galego, invitando aos seus lectores a poñerse até arriba de dopamina antes de analisar a crúa realidade. Alucinante, porén para nada sorprendente neste país de mal prensados.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 20/06/2012

Comparte esta noticia
Con todo, non foron os goles dun millonario loiro de bote, ao que xornalistas mileuristas chaman amorosamente "el niño", o que me chamou máis a atención nas noticias daquel día; tampouco os cánticos irreprimíbeis dos irlandeses, perdendo por catro goles a cero, porén orgullosos de poder apoiar aos seus propios compatriotas nun campionato internacional e non acudir de prestado, como imos os galegos cunha selección de cataláns, vascos e castellanos.
 
En verdade, o artigo que aportou máis value for money á miña lectura (como din os anglosaxóns, coa súa preocupación obsesiva polo diñeiro e os prezos) foi un que falaba do perigo que corre a lingua cantonesa en Hong Kong, que vén sendo desprazada polo mandarín de China desde que o Estado británico entregara este país ao Estado chinés. Sóalles de algo?
 
Nestes tempos que corren, onde parece máis fácil acertar unha quiniela que atopar un traballo, a moitos lles parecerá unha absoluta perda de tempo que me preocupe dos problemas que poida estar pasando unha lingua asiática, mesmo se ten reminiscencias co caso galego. Pregaríalles logo que lle fosen co conto ao Estado español, moito máis preocupado ca min (monetariamente falando) polo castellano. Seica lles causaría sorpresa saber que o goberno do PP, coa súa política da austeridade funcionando a pleno rendemento, apenas recortou un 5% o orzamento correspondente ao Instituto Cervantes, agasallado este ano con máis de 97 millóns de euros (polos 102,80 millóns de 2011) para continuar coa súa labor de "promoción y enseñanza de la lengua y cultura española" (sinónimo de castellana). Un dado bastante significativo se temos en conta que o I+D se recortou nun 25,6%; a política industrial e enerxética, un 32%; as becas e as axudas ao estudo, un 11,6%; as infraestruturas, un 22%; e a promoción turística, un 30%. Polo que se deduce dos recortes, a lingua común dos castellanos e dos apátridas ibéricos semella ter unha importancia aínda maior que a política sanitaria, onde os recortes rabuñaron o 7% da súa partida.
 
É isto casual ou responde a unha intención xeoestratéxica do Reino de España? É evidente que o Estado español non só traballa activamente na promoción da lingua castellana no mundo, aínda en detrimento das linguas propias das diversas nacións que conforman a rexión iberoamericana, senón que as grandes cantidades investidas teñen tamén unha función pasiva, de defensa dos espazos conquistados perante á cada vez maior introdución do inglés e de outras linguas emerxentes, como o mesmo mandarín ou o portugués.
 
Acaso é casualidade que a lingua internacional dos negocios sexa o inglés? Acaso estes marmecos do fútbol pensan que os chinos serían menos efectivos na súa expansión lingüística na tesitura de acadar unha primacía mundial tan indiscutíbel como tivo, no seu momento, o imperio británico ou como ten, no momento actual, o estadounidense?
 
Por moi cotián e cansativo que sexa, nunca me deixará de abraiar a cantidade de galegos drogadictos do deporte español que non dedican nin cinco minutos a reflexionar sobre un tema tan transcendental como é a lingua que os define, ao mesmo tempo que non teñen ningún reparo en falar durante horas sobre a Eurocopa ou a vitoria do balear Rafael Nadal en Roland Garros. Será pois, xustamente, neste momento tan difícil onde cada vez son menos os Estados con poder de decisión real, cando as nacións que nin sequera contamos con un Estado deberemos estar máis preocupados que nunca pola sorte que poida correr o noso idioma, pedestal sobre o que se levantan todas as nosas artes, no sentido máis laborioso do termo.
 
A lingua e o traballo, físico e intelectual, son as dúas materias primas básicas sobre as que se asentan as diferentes sociedades do planeta, moldeadas en consonancia co territorio onde se desenvolven, na súa forma máis natural. Infelizmente, o traballo en Galiza estásenos a escapar das mans, na maioría dos casos por decisións que se toman a centos de quilómetros do centro de produción. 
 
A lingua, pola contra, é a fresta de soberanía máis importante que posuímos a día de hoxe os galegos, de tal modo, que o simple feito de falar o idioma propio se convirte nun acto de insubmisión contra os poderes establecidos: contra o Instituto Cervantes, contra o artigo 3.1 da constitución española, contra o civismo uniforme que propoñen os Estados capitalistas e os seus mercados... O seu deterioro, pola contra, é directamente proporcional á nosa desintegración como país, ao crecemento do individualismo.
 
Galiza é como un filete que se quere cortar a cachiños para engulilo mellor, porén despois de case 600 anos se lle segue trasgolando ao Reino de España e aos seus titores. A estas alturas, cos romanos, xa levaríamos tempo sendo carne picada; o que fala non só da robustez do galego, senón tamén do pésimo traballo que fan os castellanos como colonizadores. O inimigo pode cambiar e incluso ser máis poderoso (Alemaña, EEUU-FMI), mais para min non hai discusión; a lingua é a arma que máis temen eses poderes, o que nos pode unir para reivindicar a nosa soberanía como única vía de loita contra o espolio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.