Mirando a Cuenca

Creo que xa o escribín nalgún outro lado, porén o vou recordar hoxe aquí: non adoito ver moito a televisión – creo que é malo - salvo os telexornais da mañá. Por iso non vexo nunca a TVG; revírame as tripas.

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 21/10/2014

Comparte esta noticia
Xa non é só a teima da manipulación informativa tan fragrante a favor do PP, até certo punto entendíbel se os propios conselleiros da canle pública son destacados membros deste partido inmersos en causas xudiciais por carretar enfermos de Alzheimer ás urnas electorais. É, sobre todo, a falta absoluta de personalidade que amosan os seus presentadores, xornalistas e tertulianos, de tal xeito que semellan copias idénticas dun mesmo molde, polo que prefiro ver o orixinal, o principal canle de noticias da Meseta.
 
A TVG podería emitir en Cuenca que ningún manchego notaría a diferenza co seu propio canal autonómico, se puidésemos salvar as barreiras idiomáticas nas instroducións do presentador (que non o ton e o sotaque) e reemprazar a palabra Feijóo por Cospedal. O telexornal seguiría abrindo as noticias con sucesos tales como o incendio dunha fábrica de lápises nas aforas de Getafe; con cero mortos, cero feridos e vinte mil lápises da letra B con queimaduras de primeiro grao (historia totalmente verídica, con excepción da pequena brincadeira final).
 
O presentador ten a apariencia física dun presentador de Cuenca, le o teleprompter co mesmo ton e sotaque que un presentador de Cuenca, e as súas palabras versan sobre as mesmas noticias que interesan en Cuenca (algunhas seguramente non tanto, como a incineración dunha morea de lápises en Getafe, que tampouco pasaría o corte dos titulares na mesma Telemadrid). Non cabe dúbida que o telexornal sería tamén máis aturábel e tería moito máis sentido, porque polo menos estaríamos en Cuenca e non absolutamente desubicados, como cando te pillan en Muros, Sobrado ou Compostela.
 
E onte o programa nocturno de tertulianos da TVG2 pilloume desubicado. Concretamente no lugar da Faísca, en Narón. O programa transcorría con normalidade, como vén sendo habitual en Cuenca, falando primeiro da deriva soberanista de Mas, das tarxetas opacas de Bankia, de Rodrigo Rato e, finalmente, nos últimos tres minutos de programa, dos resultados da enquisa sobre o galego do IGE. O certo é que non vin nada anómalo en que se deixase para o final porque, sinceramente, este é un tema que non interesa moito en Cuenca.
 
A presentadora quedouse unicamente coa conclusión oficialista: que o galego se emprega un 2% máis. Isto é, que hai un 2% de persoas máis susceptíbeis de dicir “graciñas”, “bolsiña”, “riquiño”, “riquiña” e un montón de diminutivos similares, sen apenas rubor e sen que sexa un impedimento para a súa vida plena en castellano. Todo un exitazo.
 
Por suposto, esqueceu mencionar que hai un 13% menos de galegofalantes que hai dez anos (43% e 56%, respectivamente). A enquisa fala de monolingües, coma min, que non imbéciles. Isto quere dicir que, por exemplo, eu podo seguir falando español cun rapaz de Cuenca sen apenas rubor e sen que sexa un impedimento para a miña vida plena en galego.
 
Con todo, o que me chamou máis a atención foi o comentario dun tertuliano con bastantes (senón todas) papeletas para ser do PP, e que ficou tan ancho despois de dicir que a protección do patrimonio social e cultural máis valioso que teñen os galegos para aportar ao mundo entraba en contradición coa liberdade individual das persoas, como se realmente fose ese o problema: “a xente fala o que lle dá a gana; se quere fala galego, se quere fala español e se quere fala mesmo inglés”. Quen lle dera a Rajoy que a cita deste imbécil fose certa, despois do seu triunfante “it’s very difficult todo esto” de hai uns meses diante do primeiro ministro británico, David Cameroon.
A xente fala o que pode, que normalmente é o que aprende; na casa ou na escola. Se non hai máis xente falando galego é porque non saben, ou mellor dito, porque non saben como deberían: porque non llo falaron suficientemente na casa, ou porque non llo ensinaron suficientemente na escola, ou as dúas cousas, que é o que está a acontecer agora con maior frecuencia. Dado que o poder público non asume as súas responsabilidades neste sentido, a única posibilidade de mitigar esta sangría é, precisamente, a iniciativa individual, maiormente autodidacta, para primeiro practicar e, co tempo, falar galego máis aló da diglosia.
 
Lamentábel é comprobar con exemplos empíricos que de existir un verdadeiro proceso de normalización lingüística con inmersión nas escolas, como de feito ocorre e está a pasar en Cataluña, en moi poucos anos a maior parte dos nenos galegos falarían galego, mesmo nas cidades. Para corroborar isto só hai que darse unha volta por Girona e ir contando o número de meninos que un se atopa na rúa falando castellano. Eu estiven alí hai uns meses e en dous días contei cero.
 
Non é pois disparatado deducir que, contando con unha ferramenta lingüística sólida a maiores do castellano, eses nenos cataláns terán máis facilidades á hora de falar ou escreber en español e inglés que os nenos galegos. Mais non me fagan moito caso que eu só son un tradutor, e todo é moito máis bonito cando un pensa como un tertuliano imbécil e fala idiomas como e cando quere. Aserejé?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.