Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 02/12/2019 | Actualizada ás 15:00
Semellaba que ía ser unha entrevista como a de todos os domingos, pero, as preguntas de Luis Ojea, editor de fin de semana da Radio Galega e columnista habitual do xornal ABC, e as respostas do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acabaron nunha monumental bronca en directo.
A polémica iniciouse cando o xornalista incidiu varias veces nun manifesto crítico de ex dirixentes socialistas. Gonzalo Caballero xa lle advertira que "orientaba" as preguntas como el quería e seguindo "determinados plantexamentos da dereita" e de "certos medios de comunicación" e citou abertamente ao conservador ABC. Ojea insistiu no tema das críticas dos socialistas e Caballero estoupou:
Gonzalo Caballero (GC): Hai dous bloques, vostede está nun e eu no outro...
Luis Ojea (LO): Eu non estou en ningun bloque.
GC: A vostede véxoo e leo as súas crónicas como colaborador no ABC.
LO: Eu son un xornalista da Radio Galega e pregúntolle como xornalista da Radio Galega. Outra cousa é o que faga na miña vida privada. Eu non lle pregunto a vostede sobre a súa vida privada.
GC: Eu tampouco, pero publicar nun xornal as súas opinións políticas non é vida privada. Vostede como xornalista da Radio Galega pode preguntar o que queira pero eu falo da súa actividade como colaborador dun medio de comunicación como é o ABC e como traslada as súas crónicas políticas...
LO: Son opinións políticas...
GC. Si e vexo cal é a súa opinión sobre as cousas e como traslada a súa axenda política sobre algunhas cuestións...E ten todo o dereito a expresar esas opinións políticas pero eu respondo na Radio Galega do que eu queira responder.
LO. Pero é o dereito a liberdade de expresión, ou non?
GC. Por iso, vostede ten o seu dereito a escribir o que queira no ABC e eu falo do que quero. E respeteme entón vostede a min tamén...
LO. Absolutamente...
GC. Respecte a quen representa a un partido político que ten un importante apoio dos galegos. Por que non me pregunta do mal que vai Galicia con Feijóo, de como vai a sanidade...(Todo o audio da entrevista)
"PARCIALIDADE" DOS MEDIOS PÚBLICOS
A partir de entón a entrevista foi moi tensa e con amagos de novos enfrontamentos. Desde o PSdeG acusan a Ojea de non ser "imparcial" e de trasladar a axenda política do PP as súas entrevistas. "Actúa máis coma un militante popular que coma un xornalista", denuncian fontes socialistas a GC. "E non é a primeira vez que o fai", engaden.
Outro membro da Executiva critica que a dirección do ente público "non debería permitir" que un xornalista que se amosa moi crítico a diario cos grupos da oposición, sexa "o xefe de redacción da Radio Galega". Con todo, Ojea deixou este cargo hai un mes e agora é editor de fin de semana na Radio Galega.
Estas mesmas fontes lembran un dos seus artigos no ABC, o pasado setembro, titulado "Galicia dos alternativas", no que escribía cousas como “un cuatripartito de izquierdas, en el que socialistas, nacionalistas, populistas y mediopensionistas... " ou "el caso más paradigmático es el de Gonzalo Caballero, que volvió a llevar a la tribuna la nadería en la que se ahoga día tras día” ou "está logrando hacer bueno a Pachi Vázquez, que ya había llevado al socialismo gallego a límites extraordinarios de ridículo y esperpento. Caballero es peor”. "Opinións destas deixan ver moi ás claras cal é a orientación deste xornalista", apuntan.
O propio Caballero incidía nesta idea da "parcialidade" dos medios públicos ao ser preguntado polo ABC este luns. "Os medios públicos son obxecto dunha manipulación clara do PP. Feijóo é á TVG o mesmo que foi Esperanza Aguirre a Telemadrid. Hai centos de profesionais que están a través dos venres negros rexeitando a política de manipulación de control da información que, a través dos medios públicos, fai o actual goberno da Xunta. Respectamos a liberdade de expresión, pero nos medios públicos, a manipulación da opinión pública é algo constante, con todo respecto aos profesionais deses medios", dixo.
O ABC DEFENDE A OJEA
A pesar das críticas do PSOE, Luis Ojea foi defendido amplamente polo medio de comunicación do que é colaborador, o ABC, que este mesmo domingo, pouco despois da entrevista, publicaba unha nova moi crítica contra Gonzalo Caballero. "El líder del PSOE gallego abronca a un periodista de la radio pública porque no le gustaban sus preguntas", titulaba este medio nunha crónica na que criticaba o xeito no que Caballero abroncaba ao xornalista.
Tamén o director do ABC Galicia, José Luis Jiménez, un habitual tamén das tertulias dos medios públicos, saíu na defensa de Ojea nun artigo titulado "Gonzalo y sus preguntas". "Aprovecharse de que un periodista de la Radio Galega no puede interrumpir la entrevista y contestarle como es debido a sus acusaciones, precisamente por trabajar en un medio público, es simplemente mezquino. Exhibe una calidad democrática pobre, muy preocupante en quien se vende como la alternativa a Feijóo", escribe.
Este mesmo xornalista, na súa tertulia habitual da Televisión de Galicia que tivo lugar este luns de mañá, aproveitou a súa primeira intervención para "solidarizarse" con Ojea tras os ataques recibidos por Gonzalo Caballero. Precisamente, a Radio Galega e a TVG prescindiron o pasado ano de numerosos colaboradores xornalistas moi críticos co goberno de Feijóo, entre eles, o ex xornalista de La Voz e El Progreso, e actual colaborador de La Vanguardia, Anxo Lugilde; a directora do Sermos Galiza, María Obelleiro ou o director do Praza Pública, David Lombao, nunha decisión que moitos dos "depurados" atribúen a secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez Sierra.
GC púxose en contacto con Luis Ojea para saber a súa opinión respecto a esta polémica pero o xornalista declinou falar deste asunto. Non é a primeira vez que está no ollo da polémica. O xornal El Diario publicaba en 2017, logo da terrible vaga de incendios, que este, entón, xefe de informativos da radio pública galega "calificaba de carroñeros y gentuza" aos manifestantes contra a xestión de Feijóo nos incendios. Así, utilizaba un dos seus artigos no ABC para denunciar que este xornalista cargaba contra o "inframundo" que saíu á rúa "con sus pancartas y su odio con los incendios vivos y los cadáveres de las vítimas sin enterrar". Ademais, nese artigo Ojea lembraba que se "hiciera un esfuerzo ingente" na loita contra o lume cando Feijóo "llegó a la Xunta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.