Indignación no PSOE polo uso "partidista" dos medios públicos galegos tras unha tensa entrevista a Caballero

A bronca entrevista entre o editor da RG, Luis Ojea, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, tivo lugar este domingo. O ABC, medio no que colabora este xornalista, moi crítico co secretario xeral dos socialistas galegos. Caballero acusa aos medios públicos de "manipulación".

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 02/12/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Semellaba que ía ser unha entrevista como a de todos os domingos, pero, as preguntas de Luis Ojea, editor de fin de semana da Radio Galega e columnista habitual do xornal ABC, e as respostas do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acabaron nunha monumental bronca en directo.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha entrevista na Radio Galega.. RADIO GALEGA
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha entrevista na Radio Galega.. RADIO GALEGA

A polémica iniciouse cando o xornalista incidiu varias veces nun manifesto crítico de ex dirixentes socialistas. Gonzalo Caballero xa lle advertira que "orientaba" as preguntas como el quería e seguindo "determinados plantexamentos da dereita" e de "certos medios de comunicación" e citou abertamente ao conservador ABC. Ojea insistiu no tema das críticas dos socialistas e Caballero estoupou:

Gonzalo Caballero (GC): Hai dous bloques, vostede está nun e eu no outro...

Luis Ojea (LO): Eu non estou en ningun bloque. 

GC: A vostede véxoo e leo as súas crónicas como colaborador no ABC.

Luis Ojea, editor da Radio Galega
Luis Ojea, editor da Radio Galega | Fonte: CRTVG

LO: Eu son un xornalista da Radio Galega e pregúntolle como xornalista da Radio Galega. Outra cousa é o que faga na miña vida privada. Eu non lle pregunto a vostede sobre a súa vida privada. 

GC: Eu tampouco, pero publicar nun xornal as súas opinións políticas non é vida privada. Vostede como xornalista da Radio Galega pode preguntar o que queira pero eu falo da súa actividade como colaborador dun medio de comunicación como é o ABC e como traslada as súas crónicas políticas... 

LO: Son opinións políticas...

GC. Si e vexo cal é a súa opinión sobre as cousas e como traslada a súa axenda política sobre algunhas cuestións...E ten todo o dereito a expresar esas opinións políticas pero eu respondo na Radio Galega do que eu queira responder.

LO. Pero é o dereito a liberdade de expresión, ou non?

GC. Por iso, vostede ten o seu dereito a escribir o que queira no ABC e eu falo do que quero. E respeteme entón vostede a min tamén...

LO. Absolutamente...

GC. Respecte a quen representa a un partido político que ten un importante apoio dos galegos. Por que non me pregunta do mal que vai Galicia con Feijóo, de como vai a sanidade...(Todo o audio da entrevista)

"PARCIALIDADE" DOS MEDIOS PÚBLICOS

A partir de entón a entrevista foi moi tensa e con amagos de novos enfrontamentos. Desde o PSdeG acusan a Ojea de non ser "imparcial" e de trasladar a axenda política do PP as súas entrevistas. "Actúa máis coma un militante popular que coma un xornalista", denuncian fontes socialistas a GC. "E non é a primeira vez que o fai", engaden.

Outro membro da Executiva critica que a dirección do ente público "non debería permitir" que un xornalista que se amosa moi crítico a diario cos grupos da oposición, sexa "o xefe de redacción da Radio Galega". Con todo, Ojea deixou este cargo hai un mes e agora é editor de fin de semana na Radio Galega. 

Estas mesmas fontes lembran un dos seus artigos no ABC, o pasado setembro, titulado "Galicia dos alternativas", no que escribía cousas como “un cuatripartito de izquierdas, en el que socialistas, nacionalistas, populistas y mediopensionistas... " ou "el caso más paradigmático es el de Gonzalo Caballero, que volvió a llevar a la tribuna la nadería en la que se ahoga día tras día” ou "está logrando hacer bueno a Pachi Vázquez, que ya había llevado al socialismo gallego a límites extraordinarios de ridículo y esperpento. Caballero es peor”. "Opinións destas deixan ver moi ás claras cal é a orientación deste xornalista", apuntan.

O propio Caballero incidía nesta idea da "parcialidade" dos medios públicos ao ser preguntado polo ABC este luns. "Os medios públicos son obxecto dunha manipulación clara do PP. Feijóo é á TVG o mesmo que foi Esperanza Aguirre a Telemadrid. Hai centos de profesionais que están a través dos venres negros rexeitando a política de manipulación de control da información que, a través dos medios públicos, fai o actual goberno da Xunta. Respectamos a liberdade de expresión, pero nos medios públicos, a manipulación da opinión pública é algo constante, con todo respecto aos profesionais deses medios", dixo.

O ABC DEFENDE A OJEA

A pesar das críticas do PSOE, Luis Ojea foi defendido amplamente polo medio de comunicación do que é colaborador, o ABC, que este mesmo domingo, pouco despois da entrevista, publicaba unha nova moi crítica contra Gonzalo Caballero. "El líder del PSOE gallego abronca a un periodista de la radio pública porque no le gustaban sus preguntas", titulaba este medio nunha crónica na que criticaba o xeito no que Caballero abroncaba ao xornalista.

Tamén o director do ABC Galicia, José Luis Jiménez, un habitual tamén das tertulias dos medios públicos, saíu na defensa de Ojea nun artigo titulado "Gonzalo y sus preguntas". "Aprovecharse de que un periodista de la Radio Galega no puede interrumpir la entrevista y contestarle como es debido a sus acusaciones, precisamente por trabajar en un medio público, es simplemente mezquino. Exhibe una calidad democrática pobre, muy preocupante en quien se vende como la alternativa a Feijóo", escribe.

Este mesmo xornalista, na súa tertulia habitual da Televisión de Galicia que tivo lugar este luns de mañá, aproveitou a súa primeira intervención para "solidarizarse" con Ojea tras os ataques recibidos por Gonzalo Caballero. Precisamente, a Radio Galega e a TVG prescindiron o pasado ano de numerosos colaboradores xornalistas moi críticos co goberno de Feijóo, entre eles, o ex xornalista de La Voz e El Progreso, e actual colaborador de La Vanguardia, Anxo Lugilde; a directora do Sermos Galiza, María Obelleiro ou o director do Praza Pública, David Lombao, nunha decisión que moitos dos "depurados" atribúen a secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez Sierra.

GC púxose en contacto con Luis Ojea para saber a súa opinión respecto a esta polémica pero o xornalista declinou falar deste asunto. Non é a primeira vez que está no ollo da polémica. O xornal El Diario publicaba en 2017, logo da terrible vaga de incendios, que este, entón, xefe de informativos da radio pública galega "calificaba de carroñeros y gentuza" aos manifestantes contra a xestión de Feijóo nos incendios. Así, utilizaba un dos seus artigos no ABC para denunciar que este xornalista cargaba contra o "inframundo" que saíu á rúa "con sus pancartas y su odio con los incendios vivos y los cadáveres de las vítimas sin enterrar". Ademais, nese artigo Ojea lembraba que se "hiciera un esfuerzo ingente" na loita contra o lume cando Feijóo "llegó a la Xunta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

3 Marquiños

Hai algúns do PSOE que superan a Vox. Volve a censura e a delación? Paréceme moi grave que Caballero se dedique a sinalar xornalistas de a pé en vez de actúar no eido parlamentario, que é onde debe responder a TVG

1 Gamela

e que no Parlamentiño non lle fan nin caso ! por iso saca peito na Radio Galega !

2 Qqq

Que pasa no PSG ? Que alterado , que nervoso caballero. Que ataque.

1 Gamela

Gonzalito está pillando o mesmo tic que o seu tío Abel... En Vigo levamos 12 anos sabendo que nas roldas de prensa directamente NON responde ás preguntas molestas, emprega un latiguillo para sacudirse aos xornalistas molestos: "eso ya lo respondí" e punto final. Díxolle o sobriño ao tío... pero está moi nervioso pois certamente o perigo que temos TODOS é que igual levamos un susto en 2020 con tanta fragmentación política (senon que llo conten aos 119.000 votantes do BNG que non votaron UPG!) VOX pode deixar esta entrevista en papel mollado ! Ogallá me equivoque...!!!

1 Lolós

Mira que tes tempo.... así lle vai ao país!! E por riba non das unha.

2 Gamela

Máis tempo teñen outros e moito mellor pagados e nin siquera son quen de responder unha pregunta... https://twitter.com/bngcongreso/sta... Pero eso sí, envian aos recadeiros a mostrar os dentes, mentres el segue a "pasar lista" (?)

3 Laupegágagagaga

A min tamén me pagan por dicirche que es un pesado loqui se non non o faría

4 Gamela

vou ter que tomar clases de twitter para poder precisar máis a estratexia... https://twitter.com/00Gamela/status...