Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2019 | Actualizada ás 14:05
O proxecto de orzamentos do Concello de Ourense para o próximo ano superará os 103 millóns de euros. Unhas contas que serán "as máis solidarias da súa historia", segundo o Goberno local, dado que incrementarán nun 27 por cento as partidas destinadas a áreas sociais.
O documento chega tras case seis meses do cogoberno de PP-DO e para o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, "rompe unha marca" en comparación cos gobernos anteriores e permitirá "ver a luz ao saír do foxo", posto que Ourense é a capital de provincia que leva máis tempo sen orzamentos de España tras verse obrigado a prorrogalos durante cinco anos.
"Un punto de inflexión que cambia a tendencia que se arrastra na cidade desde o ano 2014 co bipartito", manifestou o rexedor nunha comparecencia ante os medios, na que estivo acompañado da concelleira de Facenda, Ana Morenza.
Os orzamentos ascenden a 103.126.170 euros, segundo detallou a concelleira, quen fixo especial fincapé en que "se manteñen os ingresos, a pesar da baixada do IBI nun 20%". Morenza definiu as contas como "eminentemente sociais, cun aumento para a partidas da área social de +27.45%". Ademais, optaron por apostar polo tecido produtivo e, en concreto, o comercio local, cun incremento nas súas partidas do 256,5 por cento.
O proxecto tamén busca situar as infraestruturas e o medio ambiente como eixos vertebradores do futuro da cidade, engade Morenza. Ambas as concellarías asumen case 36 millóns de euros, o que representa un incremento do 14.2% con respecto a 2014. Ademais, inclúe "por primeira vez" un plan específico de investimentos para o perímetro rural.
"Unha gran aposta de futuro", insistiu a concelleira, que será posible grazas a que "o Concello carece de débeda" e que "a baixada de impostos non impediu que estes sexan os orzamentos máis sociais".
APROBACIÓN DEFINITIVA EN XANEIRO
O proxecto de orzamentos atópase desde o pasado xoves en fase de informe por parte de Intervención Municipal onde, se todo vai ben, manterase como máximo durante un prazo de 10 hábiles. De aí pasará á Xunta de Goberno Local, período de presentación de emendas, a aprobación inicial no Pleno do Concello de Ourense, exposición pública e, por último, aprobación definitiva.
A "intención" do Goberno local é que a aprobación inicial se leve a cabo neste mesmo mes de decembro para a súa aprobación definitiva para o mes en xaneiro, "se todos os prazos se cumpren".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.