Menú de Nadal para persoas sen recursos dun chef Estrela Michelin

O chef Estrela Michelin Pepe Vieira serve o menú de Nadal no comedor social de San Francisco de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 25/12/2019 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O chef Estrela Michelin Pepe Vieira ofreceu o 24 de decembro, día de Noiteboa, unha comida solidaria para as persoas máis desfavorecidas que acoden ao comedor social do convento de San Francisco de Pontevedra.

O equipo do restaurante do recoñecido chef adaptouse para traballar na antiga cociña do comedor social rexido polo pai Gonzalo Diéguez. Alí, atenderon a uns 160 comensais, que pasaron polo comedor en grupos de 66 persoas desde as 13,00 horas ata o peche do servizo, sobre as 15,00 horas.

O menú estivo composto de dous pratos. En concreto, de primeiro, os asistentes puideron degustar calabacín recheo de bacallau ao 'alloferro' e, de segundo, canelóns de capón con cogomelos e trufa. Tamén gozou dunha sobremesa típica da época, un tronco de Nadal.

O propio Xosé Cannas, Pepe Vieira, explicou que con este xesto pretende "enxalzar e apoiar" o "gran labor" que realiza o pai Gonzalo e os seus colaboradores diariamente. "Somos veciños e vemos o labor do pai Gonzalo todos os días do ano coa xente que necesita deste servizo", sinalou o chef, que quixo achegar o seu gran de area e asumir a preparación da comida.

Para iso, ademais do traballo de preparación, o restaurante achegou a materia prima para a elaboración do menú.

O cociñeiro agradeceu tamén a todo o seu equipo participar nesta iniciativa social. "Non só son eu o que está metido na lea, metinos a todos e pasáronse o seu día de descanso traballando para ter todo a punto", destacou.

Pola súa banda, o pai Gonzalo asegurou que nos 31 anos de historia da institución nunca tiveran unha carta tan especial como o deste 2019.

PEPE VIEIRA
PEPE VIEIRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta