Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2019 | Actualizada ás 14:25
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elixiu o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense para dirixirse aos galegos na súa tradicional mensaxe de Fin de Ano, no que reivindicará o "éxito" do sistema educativo galega con base no último informe PISA, á vez que apelará á "unidade e moderación" da comunidade fronte á "parálise política" e a "inestabilidade" no Estado.
Así o indica o gabinete do mandatario autonómico nun comunicado remitido este luns aos medios no que avanzan tanto os temas que abordará o xefe do Executivo galego no seu discurso do 31 de decembro --que emitirá a TVG a partir das 14,15 horas-- como a localización elixida. Tres anos despois, Feijóo volve a Ourense para dirixirse aos galegos con motivo do peche do ano e farao desde un centro no que estudou: o IES Branco Amor.
Desde alí, ademais de pór en valor os resultados obtidos pola educación galega no último informe PISA, o xefe de filas do Partido Popular de Galicia defenderá "que os centros educativos son garantía de que o éxito colectivo da comunidade proseguirá no futuro".
A educación ocupará parte dun discurso no que Feijóo tamén dedicará tempo a outras cuestións como a actualidade política. Neste sentido, confrontará a "estabilidade" que, di, atravesa Galicia a nivel político e institucional coa "parálise política" que ve no Estado. Así, porá o acento en que esta situación de "inestabiliad" trouxo "o atraso de decisións urxentes e importantes para as galegas e os galegos, como o AVE ou o sector industrial".
700 MILLÓNS E AUTONOMÍAS
Ademais de infraestruturas e a crise industrial que vive a comunidade, Núñez Feijóo tamén se deterá noutra das demandas que a Xunta reclama ao Goberno central: a devolución dos 700 millóns que corresponden ás entregas a conta, a recadación do IVE de 2017 e os incentivos por cumprimento dos obxectivos financeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.