Máis divisións sociais, o risco das políticas ambientais mal aplicadas

En 2022 moitas cidades deberán ter planos para a restricción do tráfico nalgunhas áreas urbanas para reducir a presenza de gases contaminantes. A creación destas áreas "limpas", segundo algúns expertos, podería implicar a revalorización deses espazos e o aumento de prezos e alugueres obrigando o desprazamento de persoas con menos poder adquisitivo cara zonas da periferia.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As cidades europeas deberán restrinxir o tráfico de vehículos para a mellora da calidade do aire e reducir os índices de gases contaminantes. A data límite para facer efectiva esta limitación é o ano 2022. Quedan entón dous anos para que as sete grandes cidades galegas, todas elas con máis de 50.000 habitantes, apliquen as normas da lei sobre cambio climático cuxo anteproxecto foi aprobado en Consello de Ministros en febreiro de 2019. Segundo esta normativa, as cidades de máis de 100.000 habitantes, deberán presentar en 2021 un plano de enerxía e clima ao Ministerio de Transición Ecolóxica. Que beneficios pode ter a cidadanía de medidas coma estas?

Circulación de vehículos entre fume de combustión
Circulación de vehículos entre fume de combustión | Fonte: Europa Press

MEDIDAS ANTICONTAMINACIÓN

Os combustibles fósiles están sinalados como os principais responsables da acumulación dos denominados gases invernadoiro, principais causantes do cambio climático. Logo das diferentes campañas de advertencia sobre este fenómeno, algúns países decidiron tomar medidas como limitar o uso de determinados combustibles, reducción de gases contaminantes ou medición da calidade do aire para axustarse a parámetros máis saudables.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda unhas concentracións máximas e mínimas sobre todo de benzopirenos e os PM10. Sobre estes últimos por exemplo, a recomendación máxima da OMS é de 50 microgramos (mcg) por metro cúbico (m3) e a mínima é de 20 mcg/m3 nun espazo temporal de 24 horas. A lexislación actual establece os máximos en 60 mcg/m3 e mínimos en 40 mcg/m3. En 2018 todas as cidades galegas superaron os limiares da OMS, sobre todo “Vigo e Coruña foron as que máis superaron os limiares polo tráfico e pola industria arredor desas cidades” di Belén Rodríguez de ADEGA. No caso de Lugo e Ourense “sempre presentan valores baixos aínda que puntualmente superan eses límites”.

As medidas que se poden adoptar, polo menos en España, están recollidas no anteproxecto de lei contra o cambio climático. Entre as propostas figura que as cidades con máis de 50.000 habitantes deben presentar proxectos para a restricción de tráfico nos seus espazos en 2022, e aquelas que superen os 100.000 (casos de Coruña e Vigo) teñen de límite 2021. “Non me parecen prazos curtos porque todos eses informes xa tiñan que estar feitos. Outra cousa é que os concellos fagan a vista gorda e o atrasen”, di Fran García de Verdegaia.

A Coruña, refinería Repsol en primeiro plano
A Coruña, refinería Repsol en primeiro plano | Fonte: arquivo

A restricción de tráfico leva aplicándose en diferentes cidades desde os anos 80. Non obstante, a retirada total da circulación ou rebaixala a límites mínimos en centros urbanos, parece ser unha das directrices que máis peso teñen en canto medidas anticontaminación. O caso é que algunhas voces reclaman que medidas semellantes se extendan mesmo polas áreas metropolitanas desas cidades.

ÁREAS SEN TRÁFICO, TEÑEN UTILIDADE?

As medidas de restricción cando non a prohibición do tráfico en áreas como o centro das cidades, normalmente cascos históricos, non deixan de ter ás veces algunha polémica. Unha das iniciativas que máis deu que falar foi a de Madrid Central, aprobado polo anterior goberno local madrileño e agora case freado polo executivo municipal de Martínez-Almeida. 

“A postura do goberno local de Madrid é errática porque as modificacións actuais son rebaixas pensadas máis sobre o vehículo privado” declara Adrián Fernández de Greenpeace España. “Cremos que é unha postura equivocada e que envía unha mensaxe confusa porque nestes momentos non se sabe que medidas están vixentes e cales non”.

Unha situación como a de Madrid pode crear dúbidas sobre a utilidade de pechar áreas á circulación de tráfico rodado. “Esta medida ten que ir acompañada de restriccións a máis áreas da cidade, restrinxir nunha soa área non vai impedir que haxa contaminación” di Fran García. Como se podería limitar ou rebaixar índices de polución en toda unha área metropolitana? “Restrinxindo o uso do transporte privado a favor dunha mellora do transporte público e fomentando transportes non contaminantes”.

DIVISIÓN SOCIAL

E se a creación de áreas sen tráfico ten como consecuencia unha fenda social onde se aplique? Non é unha idea sen sentido. Unha área descontaminada ou con índices moi baixos de contaminación, con maior seguridade para os peóns, pode verse revalorizada en moitos aspectos, o inmobiliario e económico entre eles. Por tanto, algunhas persoas con rendas medias baixas ou baixas, ao mellor non poderían vivir nestas áreas urbanas revalorizadas. Estas persoas terían que desprazarse a lugares onde os prezos fosen máis asequibles.

Que o centro sexa habitable en prexuízo de áreas do arredor da cidade non ten sentido” di Fran García para quen a cidade non é só o centro. “Este tipo de actuacións deberan facerse tendo en conta toda a cidade, coa área metropolitana implicada” e esta postura é a que xustificaría o xa dito sobre mellora en infraestruturas e transporte público. O risco dunha fenda social existe e por iso tamén se ve a necesidade de abrir o abano de inciativas que eviten esa división. “Se se crea unha fenda social estaríase indo en contra do modo de vida sostible” aclara Adrián Fernández.

Unha división social segundo as potencialidades económicas vai parella moitas veces a unha fenda económica dentro da cidadanía. Podería darse o caso cando se apliquen as medidas anticontaminación en áreas urbanas? “Aí si que non lle vexo tanto problema, tamén dependerá como se xestione esa cidade” contesta Fran García. Para o membro de Verdegaia as melloras serían notorias coa “diversidade de servizos que se podan transferir ao centro e isto atraerá máis xente para consumir porque se estará nunha área agradable” e segura. Todo sen esquecer a periferia que non debera quedar esquecida. “As tendencias coñeceranse en varios anos” di Belén Rodríguez que engade ademais “desde Adega non temos unha opinión sobre este punto”.

A creación de áreas restrinxidas ou prohibidas ao tráfico son unha resposta entre outras para frear as consencuencias do cambio climático, tamén para a mellora da calidade de vida das persoas que viven nesas cidades e unha oportunidade para alternativas ao transporte privado. A iso tamén se debera sumar o risco de hipotéticas divisións sociais marcadas polo potencial económico de cada quen que lle permitiría, ou non, vivir nun lugar con baixos índices de contaminación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta