Animalistas denuncian ante a Valedora a "opacidade interesada" dos lugares onde se desenvolve a caza do raposo

Libera acusa a Consellería de Medio Ambiente de "incumprir os preceptos" da Lei de Emerxencias ao non comunicar con antelación a realización de campionatos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera avanzou este luns o rexistro dunha queixa formal ante a Valedora do Pobo por entender que a Consellería de Medio Ambiente "incumpre os preceptos" da Lei de Emerxencias de Galicia ao non comunicar con antelación, a través de medios públicos ou privados, a realización de "campionatos" de caza do raposo en Galicia, no que consideran unha "opacidade interesada".

Protesta en Cerdedo-Cotobade contra a caza de raposos
Protesta en Cerdedo-Cotobade contra a caza de raposos | Fonte: © Miguel Núñez.

Os animalistas lembran que o artigo 4 desta lei sinala que as persoas teñen dereito a "unha actuación preventiva dos poderes públicos, unha resposta eficaz ante os riscos e unha adecuada protección da súa integridade, dos bens e da contorna", así como a "ser informados os riscos que poidan afectarlles e das consecuencias dos mesmos que sexan previsibles".

Por iso, explica Libera, unha convocatoria na que se dan cita "medio cento de cazadores e decenas de cans nunha zona concreta do territorio é, canto menos, un potencial risco para a integridade física de calquera sendeirista, recolector de fungos, turista ou simple visitante que desexa dar un paseo polos montes". Fronte a iso, alegan, "a Xunta non esixiu sequera a colocación de avisos en camiños ou xunto á sinalización dos cotos de caza".

Para os animalistas, o feito de que estas batidas non se anuncien con suficiente antelación para evitar que "se proteste fronte ao que se considera unha atrocidade inxustificable", apuntan, "pon en grave risco á cidadanía" e "multiplica as posibilidades de que algunha persoa poida recibir un disparo accidental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta