Emprendedoras indias formaranse na USC

No marco do proxecto Enprendia crearanse oito centros de emprendemento neste país coa finalidade de establecer redes co tecido empresarial local.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 13/01/2020 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Unha vintena de representantes de 14 universidades, a maioría delas procedentes de India, participan na USC nunha iniciativa formativa que busca mostrarlle a experiencia da universidade compostelá en relación ao fomento do espírito empresarial das mulleres no ámbito científico- tecnolóxico. Esta formación, de tres días de duración, está sendo desenvolvida ao abeiro do proxecto Enprendia, no que participa o Servizo de Relacións Exteriores da USC, e na que colabora o programa Woman Emprende. 

Emprendedoras da India nun seminario da USC
Emprendedoras da India nun seminario da USC | Fonte: USC

Enpredia, coordinado polo Kalinga Institute of Technology na India, ten como principal obxectivo fomentar a cultura de emprendemento feminino e a igualdade de xénero neste país, así como definir unha serie de directrices que permitan integrar políticas de igualdade e equidade nun total de oito institucións de educación superior. No consorcio participan un total de 14 universidades, oito delas da India, e as restantes de países europeos coma Austria, Portugal, Reino Unido ou Irlanda, sendo a USC a única española.

Na xornada inaugural celebrada este luns 13 en Uniemprende, a xefa do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Anne Forryan, destacou a pertinencia do proxecto. “India é o país con maior poboación do mundo con 1,3 billóns de habitantes. Aínda que o 45% da poboación en idade de traballar son mulleres, a forza de traballo feminina está infrautilizada, xa que en India está situada no posto 70 de 77 do ránking de países por empredemento feminino. No transcurso do proxecto, de tres anos de duración, está contemplada a creación de oito centros de emprendemento na India coa finalidade de establecer redes co tecido empresarial local”, engadiu nun comunicado remitido pola USC.

PERSPECTIVA DE XÉNERO

A USC, a través do seu programa Woman Emprende, puxo en práctica nos últimos anos un proxecto de integración da perspectiva de xénero no asesoramento  acompañamento da actividade emprendedora e elaborou o Manual de Procedementos Innovatia 8.3 como ferramenta de apoio para o desenvolvemento do proceso de acompañamento das persoas que deciden crear una spin-off ou consolidala.

“A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades desenvolven conxuntamente o Programa Innovatia 8.3, co obxectivo de fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, ademais da creación dun modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base científica”, destaca a coordinadora do programa Innovatia 8.3 e deste evento, Eva López Barrio.

POSICIÓN DE HOMES E MULLERES NO EMPRENDEMENTO

A proposta de formación que se presenta, ten como pretensión acadar que o persoal técnico aumente a súa capacitación e competencia en dous aspectos fundamentais para a aplicación do manual, como son o uso dunha linguaxe inclusiva e a identificación dos procesos diferenciais de socialización que condicionan o posicionamento de mulleres e homes ante a actividade emprendedora.

Estes tres días de formación centraranse na elaboración dun plan de empresa  que teña en conta as necesidades da posta en marcha dunha actividade por conta propia para dispoñer dunha ferramenta no asesoramento de persoas emprendedoras que integre a perspectiva de xénero. Outro dos temas abordados será o ensino da metodoloxía `lean canvas´, para acadar que a súa aplicación teña un efecto positivo na igualdade de mulleres e homes, así como o desenvolvemento dun plan de mentorización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta