Feijóo erixe a educación pública en Galicia como "a máis inclusiva" do Estado

O presidente da Xunta descobre unha placa conmemorativa do 175º aniversario do centro en compañía dun grupo de alumnas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2020 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres no 175º aniversario do IES Arzebispo Xelmírez I de Santiago, centro ao que erixiu en "básico" para entender a historia da cidade "pero tamén da educación pública en Galicia", que é ademais "a máis inclusiva" de todo o Estado.

Así se pronunciou o mandatario galego fronte a centos de alumnos deste instituto nun acto que contou tamén coa presenza da conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Ademais, interviñeron o director, Manuel Portas Fernández, e a profesora María Xesús Mascareñas Alonso.

Tras un pequeno paseo polo centro no que, en compañía dunhas alumnas, descubriu unha placa conmemorativa do seu 175º aniversario, Feijóo pronunciou un discurso no que subliñou que a educación é o "alicerce fundamental" das persoas e a sociedade. "Non hai liberdade, nin solidariedade, nin tolerancia sen educación. Pode haber adoutrinamento, pero non hai educación", dixo.

Así, o titular do Goberno galego reivindicou o sistema educativo como unha "plataforma para o talento", o que cre que debe ser "a vocación dos profesores" e, en definitiva, todo empregado público que traballa no ensino.

Ademais, tras apelar a "non caer no conformismo", celebrou os datos do último informe PISA en relación a Galicia, unha comunidade que se sitúa á cabeza de España en competencia científica e nos primeiros postos de matemáticas, mesmo por encima da media da Unión Europea e o OCDE.

Non en balde, asegurou que a educación galega é "a máis inclusiva" de todo o Estado. E é que, de acordo ás súas cifras, case o 93 por cento do alumnado con necesidades específicas de apoio se atopa escolarizado en centros ordinarios e case 4.000 docentes se dedican á atención da diversidade nos centros galegos.

Así mesmo, Feijóo valorou a "importancia" das bibliotecas e os 22 millóns de euros destinados na última década por parte da Xunta para o apoio a estas instalacións. En concreto, lembrou que este investimento se enmarca no plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), do que actualmente forman parte 711 centros. No curso 2009-2010 había menos de 300.

Paralelo a iso, para recoñecer aos centros como o Arzebispo Xelmírez I, o titular do Executivo galego lembrou que se está elaborando un decreto que permitirá "pór en valor" a traxectoria do seis institutos históricos que hai actualmente en Galicia e incluír nesta distinción ás "escolas de fundación", especialmente as americanas na diáspora, "un signo de identidade" dos emigrantes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na celebración do 175º aniversario do IES Arzebispo Xelmírez I de Santiago.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na celebración do 175º aniversario do IES Arzebispo Xelmírez I de Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta