(Fotos) As miradas das crianzas da posguerra contan o que non se di con palabras

As expresións dos nenos e das nenas que viviron a ditadura franquista deixan entrever os efectos emocionais de todo un tempo de fame e represión. Hoxe serán os seus rostros a maneira de achegármonos ao pasado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os crucifixos e os retratos de Francisco Franco presidían cada unha das aulas no tempo da ditadura. Baixo aquelas dúas atentas miradas, a da igrexa e mais a do réxime, a rapazada que viña de superar unha guerra de tres anos comezou a aprender os valores do Franquismo da man dun ensino absolutamente regramentado e controlado.

Exposición 'Vendo. Compro. Cambio', en Santiago de Compostela
Exposición 'Vendo. Compro. Cambio', en Santiago de Compostela

Esa xeración que medrou á sombra da Guerra Civil española soubo dende ben pequena o que era a censura, a fame e a pobreza. O pasado bélico e o presente prohibitivo estaba impreso nos rostros de todas estas crianzas. E xustamente estes rostros son os que agora protagonizan unha exposición fotográfica que vén de presentar a súa autora, María X. Fernández, na Igrexa da Universidade de Santiago. Trátase dunha compilación de imaxes de escolares da posguerra que permiten aproximarse ás sensacións daqueles cativos que, cando o traballo da casa llelo permitía, acudían á escola. 

'VENDO. COMPRO. CAMBIO'

Conta María Xosé que deu con estas fotografías de casualidade e que durante un longo tempo, antes de ver a luz, quedaron agardando nun caixón. "Andaban facendo obras nun instituto ourensán e estaban tirando ao lixo unha colección de fichas de escolares. Eu collinas e gardeinas: 'algún día farei algo con elas'", pensou para si. Ese día chegou e agora todos estes rostros de crianzas expóñense ao público para convidar a reflexionar ao redor das expresións e das emocións das súas faces e de todo un tempo. 

Esta mostra, que poderá visitarse ata o 14 de febreiro, leva por nome 'Vendo. Compro. Cambio' en honra a Francisco Latorre Eced, un neno da Coruña que, fronte á miseria en que vivía toda a súa familia, decidiu facerse cunha colección de cómics para sacar diñeiro na rúa. O cartón co que se anunciaba levaba ese mesmo lema que agora dá nome á exposición. Nela, as fotografías están agrupadas baixo diferentes cores de luces que focalizan nas diferentes emocións. "As crianzas son a alegría, viven o instante, pero ti miras para estes nenos e todos teñen un pesar nos ollos, unha tristeza que parece inconsolable", relata a autora. 

A análise dos rostros foi longa e exhaustiva. De feito, María Xosé botou ben tempo debuxando a man alzada cada unha destas fotografías. "Só así era quen de analizar de maneira profunda as súas expresións. Moitas son complexas: mestúrase a agresividade, o medo...". Coa axuda dunha psicóloga, chegou a crear un eixe cartesiano onde clasificou os rostros segundo a expresión da boca e dos ollos. Así pois, a través dun cento de miradas, estas fotografías son quen de trasladarnos da maneira máis humana a aquel tempo pasado.

OS RECORDOS DAS CRIANZAS DA POSGUERRA

Hai quen mesmo pode verse reflexado neses ollos. Moitas das crianzas da posguerra seguen hoxe tendo uns recordos lúcidos que continúan alimentando a nosa historia. "A escola era unha habitación grande, nun primeiro piso dunha casa particular", remexe Álvaro Salgado na memoria. Este home comezou a ir á escola aos cinco anos, alá polo 1934. Nesa aula mesturábanse un total 50 alumnos de entre seis e 14 anos. "Se te portabas mal podían cambiarte de sitio, poñerte de xeonllos ou darche coa vara na palma da man, pero a min nunca me deron!", recorda riseiro. Aos seus dez anos accedeu a unha escola privada que abrira un mestre represaliado na vila de Monterroso. Grazas a ela puido chegar aos estudos superiores.

O caso de Purificación Ares, unha muller coruñeza de 95 anos de idade, vai polo camiño do de Álvaro. Ela puido acceder ao ensino a través dunha profesora particular dende que tivo oito anos. "Había mestras que collían un piso e nunha parte vivían e na outra daban clase. Eu sabía que había as escolas do Estado, pero meu pai meteume nunha particular", relata. "Eran todas profesoras. Dabamos gramática, literatura, aritmética... E recordo que tiñamos un sacerdote para nos aprender relixión".

A Igrexa controlaba de principio a fin o que se dicía e o que se facía. Segundo conta o historiador Emilio Grandío, o "Estado franquista nunca tivo o ensino entre os seus obxectivos". Non se dirixía á construción dun futuro. "A única fin era transmitir os valores da ditadura: o imperio, o catolicismo, a tradición...". Só cando chegaron os anos 60 comezaron a interesarse pola formación do profesorado, mais seguía sendo complexo para a rapazada subir os escalóns educativos.

O elitismo disparábase nos niveis superiores. "Non todo o mundo podía ir estudar ás capitais de provincial, mais había unha vía de acceso á educación que viña confirmar eses valores franquistas: os seminarios", relata Grandío. Estes espazos funcionaban como "elemento de socialización. Moita xente da aldea vía nesta opción ofrecida pola Igrexa a posibilidade de subir tecnicamente. Amais da institución eclesiástica, a presenza do réxime tamén era constante. "Tanto que cando morreu Franco non tivemos escola en tres días!", recorda o historiador. 

Botar a mirada atrás, a través da palabra ou da fotografía, sempre axudará a que rostros e as historias que agochan non se volvan repetir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta