O pin parental: O novo debate sobre a politización da educación

Galicia Confidencial analiza as principais claves que están detrás do chamado "pin parental". Asociacións de pais e nais de alumnos e sindicatos de profesores denuncian que a ultradereita quere "politizar" a educación, pola súa banda Vox di que "xa está politizada" e cun "modelo fracasado". Mentres, a Xunta evita pronunciarse.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/01/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pin parental está creando un debate que non existía segundo voces relacionadas co ensino. Así, algunhas asociacións de pais e nais de alumnos ratifican a idea de que estamos diante dun debate efectivamente, inexistente, mentres que representantes sindicais dos profesores e profesoras falan de intromisión por parte de grupos políticos no seu traballo, así como dun ataque ao ensino público. Desde a ultradereita non o ven así e aseguran que fan propostas porque o "modelo actual está fracasado".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

ADOUTRINAMENTO

Vox Galicia reivindica, en declaracións a GC, que "nós vimos reabrir debates que o consenso progre consideraba pechados". A isto engaden que a "educación en España está politizada igual que outros campos, os sucesivos sistemas lexislados empeoraron a calidade da educación" e en cuestión de Universidades "o modelo actual tamén se mostra fracasado".

Fernando Lacaci, da Confederación de ANPAS Galegas, sinala que “a nosa reacción foi de incredulidade diante dun debate inexistente que só serve para tirar rédito político”. Lacaci mesmo apunta que a Confederación non quería dicir nada sobre este punto porque “nos parecía que non ía con nós”. A cuestión de fondo está fóra de posicións ideolóxicas, senón que detrás hai unha cuestión económica. “O ensino move diñeiro a través de colexios privados sexan ou non concertados, do que se trata é de campañas a favor do ensino privado en detrimento do público” di Lacaci.

“Nunca vin que os pais ou nais protestaran porque aos seus fillos se lles dixera isto ou aquilo sobre algúns temas ata que saíron os de Hazte Oír” di Lacaci. “Sobre as palabras do presidente Feijóo pedindo acougo digo que non son tranquilizadoras, pois pensamos que tería que deixar claro que non hai debate sobre este punto”.

Alumnos nun centro escolar
Alumnos nun centro escolar

Algunhas forzas sindicais ven tanto unha cuestión ideolóxica como política. Desde a CIG Ensino, Xesús Bermello interpreta unha mensaxe, que “os profesores non se metan en cousas que non son propias dos docentes baixo a visión da ultradereita, como dixo Abascal, nós educamos os fillos os profesores só imparten contidos”. Bermello insiste que a educación son máis que contidos, mais a preocupación para el é que “hai algunhas persoas receptivas a estes postulados”.

“Cremos que é unha posición de retroceso de cara a liberdade de cátedra do profesorado dentro dos currículos para impartir aulas” indica Julio Díaz de ANPE. En base a isto acode ao informe Pisa sobre os datos do ensino público en Galicia, para recalcar o idóneo da educación pública. “Os alumnos galegos están entre os mellor preparados de todo o Estado, o mesmo que o profesorado galego”.

“Estamos en contra porque atenta contra a liberdade de ensino, as familias teñen opción de escoller o ideario do colexio onde mandan os fillos” di Luz López de CC OO Ensino. “Se queren público saben como funcionan, e se queres un colexio de ideoloxía Vox, escolle un colexio privado sen estar sostido con diñeiro público onde che deixen intervir como pai”.

Pola súa parte, Paula Carreiro de UGT Ensino, remarca a posición en contra das posturas de Vox e o pin parental.  “Estamos volvendo a hai moitos anos atrás onde os dereitos dos nenos e rapaces eran moi limitados, a día de hoxe abandeiramos o 8 M, o 25 de novembro e loitamos contra a homofobia, un pin parental fomentará o contrario”. Ademais, Carreiro ve inconsistente a formulación de Vox por entender que non habería un currículo escolar que contentase a ninguén.

VOX FALA DA "DECLARACIÓN UNIVERSAL DE DEREITOS HUMANOS"

Desde Vox consideran que o pin parental está lonxe de ser unha ferramenta de veto ou censura. Con el o que se busca "é reivindicar o dereito preferente dos pais para escoller o tipo de educación que haberá de darse aos seus fillos segundo establéceo o artigo 26 da Declaración Universal de Dereitos Humanos".

VOX asegura ter o mesmo discurso en calquera punto de España, "aínda que esteamos especialmente preocupados polo tema a nivel galego xa que a ninguén se lle escapa que o PP de Feijoo está na vangarda deste tipo de medidas de adoutrinamiento infantil desde hai varios anos". Precisamente un día antes de que saltase o asunto aos titulares do Estado "estabamos a denunciar nas nosas redes sociais os talleres escolares sobre «vivencia do pracer sexual» para nenos de só 4 anos programados para A Coruña".

IDEOLOXÍA E CURRÍCULO ESCOLAR

A intervención paterna sobre as materias curriculares é o elemento fundamental da proposta do partido de Santiago Abascal. Poder decidir cal será ou non será a cadeira axeitada para a formación dos fillos, levaría a un estado onde a interferencia familiar crearía un caos curricular difícil de arranxar.

As materias que se imparten nos centros educativos “apróbanse dentro do Consello Escolar onde tamén están representados os pais e claustros de profesores e baixo ningún concepto imos admitir que nos digan como temos que impartir docencia” di Julio Díaz, quen insiste na inutilidade do debate aberto. Non obstante, Díaz ten claro que mentres que non exista un pacto real sobre educación, cada tendencia política “fará o que quere e vemos que hai dous bloques, un intenta impor unha norma e o outro está metido nun debate político que quere impedir esa norma”.

Xesús Bermello ve algo máis que unha cuestión política e ideolóxica, algo que compara co decreto do plurilingüismo cando Feijóo quixo “vehiculizar as queixas de Galicia Bilingüe, e agora o PP segue os puntos marcados pola extrema dereita”. Eses puntos son os que, ao entender de Bermello, poñen en cuestión valores que xa estaban aceptados pola sociedade e “agora queren tratar os temas aprobados e introducidos no currículo escolar, ademais de quereren amedrentar ao profesorado”.

“No ensino público non se pode permitir esas inxerencias” confirma Luz López, quen insiste en que hai un Consello escolar onde as familias teñen representación e onde todo está recollido en programacións. “Os pais non poden privar aos seus fillos do que se impartirá no centro, porque están atentando contra a liberdade de ensino”.

“Estou convencida dun trasfondo ideolóxico da ultradereita que é a bandeira de VOX, patriotismo absoluto e o respecto é de cara a norma” estima Paula Carreiro. “O trasfondo económico é que a dereita se sustenta de empresas privadas que ao final están avalando ese tipo de ideoloxías”.

"Nós non estamos contra a educación pública nin nos preocupa o que digan outros nin polas etiquetas, senón por levar a nosa mensaxe a todos os españois". VOX apunta tamén que "hai un consenso progre instalado no resto de partidos e maioría de medios de comunicación". A súa postura mantense firme cando aseguran que a "esquerda está afeita apropiarse do público coma se fose creación súa cando non o é".  Engaden ademais que "os sistemas educativos son produto do PSOE desde hai anos e VOX quere impulsar un gran pacto nacional de educación con toda a comunidade educativa". O obxectivo sería crear un novo modelo educativo, "acorde á realidade na que vivimos, dotado de estabilidade normativa, que perdure no tempo e de competencia estatal".

TRASFONDO POLÍTICO

Contactouse coa Consellería de Educación para pedir unha opinión sobre as propostas de Vox e as palabras tanto de Núñez Feijóo como da conselleira Carmen Pomar, quen sinalou como “un tanto artificial” a idea do pin parental e mostrou a súa confianza en todos os sistemas de control da Xunta.  A resposta do departamento de Educación foi remitirse ás palabras tanto do presidente da Xunta como da conselleira Pomar.

As valoracións das fontes sindicais sobre a actitude do goberno galego apuntan a unha estratexia de baixa confrontación con Vox. Desde a CIG cren que Feijóo “ten tres opcións: repetir o que lle indica o PP en Madrid e aliñarse coa ultradereita, seguir como ata o de agora, que permite a visibilización dos colectivos LGBTI ou crear contidos mais sen desenvolvelos e a terceira é crear o currículo e contidos e implementalos debidamente nos centros de ensino”.

“Hai un bloque claramente en contra fronte do outro, mais tamén o primeiro ás veces tenta introducir materias que aleccionen ao alumnado” di Julio Díaz. “Cremos que ambos bloques queren que o partido teña prórroga e non sei se haberá que pechar o campo porque se botará xente ao campo”

A pregunta paira sobre toda a comunidade educativa, incluíndo pais e nais, alumnado e docentes, aplicaría Feijóo unha medida así? “Non creo que o faga nestes momentos, que estamos en precampaña electoral” di Luz López, quen lembra que en varios sitios o PP “está de acordo con Vox e non me sorprendería que o fixesen, mais non creo que o faga, a comunidade educativa estaría en fronte”.

Paula Carreiro ve na LOMCE, a chamada lei Wert, as bases para que idearios como os de Vox entren nas escolas. “A Constitución de 1978 di que a educación é libre a nivel tanto relixioso como ideolóxico”, mais o que se pretende “é basear nunha premisa segregadora, quere eliminarse que o profesorado leve adiante impartir as materias como debe ser, obxectivo e aséptico”.

VOX declara por último que "por suposto reclamaremos as mesmas propostas a nivel rexional". Resaltan que unha das claves do seu partido "é que a diferenza do resto de partidos ten o mesmo discurso en toda España". Engade finalmente "por iso é polo que os nosos 52 deputados nacionais non representan ás súas respectivas provincias se non a todos os españois".

O pin parental entrou con forza nun momento en que o Goberno central recén estrea a súa andaina. As eleccións galegas e vascas están perto e por tanto, as posibilidades de entrar en parlamentos autonómicos están aí, para Vox. No caso galego, hai quen estima que, aínda sen representación parlamentaria a ultradereita dirixiría os pasos do PP galego desde Madrid, comandado polo sector máis reaccionario dos “populares”.

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, en Lugo
O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, en Lugo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Violeta 4

La Educación ya está totalmente politizada. La izquierda la tiene por cortijo desde hace décadas y los resultados están a la vista. Todo el que puede lleva a su hijo a un colegio privado o concertado donde los profesores trabajan mucho más y cobran menos.

1 Maxenta 3

Por que claro, os colexios privados non están politizados senón que os dirixen seres absolutamente neutrales como curas ou números de Opus Dei coñecidos por non adoctrinar baixo ningún concepto.

2 O apalpador

Vaites, vaites a Voxleta 4, cántas patacas se poden poñer nun rego. Cona, quería dicir chorradas. Excuse moi.