Comeza a rodaxe de '3Camiños', a primeira serie de televisión internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago

Román Rodríguez presentou en Madrid esta produción, vinculada ao Xacobeo 21 e que prevé estrearse ao final deste ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2020 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Os actores Alex González, Verónica Echegui, Anna Schimrigk e Alberto Jo Lee, entre outros, inician estes días a rodaxe de '3Camiños', a primeira serie de televisión internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago, apoiada pola Xunta de Galicia como a gran produción audiovisual do Xacobeo 21 e que prevé estrearse a finais deste ano.

Presentación de '3Camiños'
Presentación de '3Camiños' | Fonte: @3CaminosSerie.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou este martes en Madrid na presentación desta serie, que encabeza a empresa compostelá Ficción Producións e que conta co apoio internacional de Amazon Prime Vídeo e do grupo alemán Beta Films, así como coproductores de Italia, Corea do Sur, México e Portugal, A Radio Televisión Portuguesa e a produtora Cinemate.

Durante a presentación ante 50 medios nacionais e internacionais acreditados, o responsable de Cultura destacou a capacidade desta serie para desenvolver a industria audiovisual, así como para impulsar a internacionalización do Camiño de Santiago, especialmente ante o novo ciclo Xacobeo 2021-2032.

Así, Román Rodríguez destacou o bo momento do audiovisual galego e puxo en valor a capacidade do sector para difundir os valores da Ruta Xacobea en novos mercados, así como para atraer públicos diversos.

A produción, que se estreará a finais de 2020 e relata as vivencias compartidas ao longo do tempo por cinco novos peregrinos de diferentes países, recibiu unha achega de 1,5 millóns por parte da Xunta.

Na serie, o espectador asistirá á transformación e ao crecemento persoal de cada un dos protagonistas e das súas relacións, en tres momentos concretos —2000, 2006 e 2021— nos que comparten peregrinación.

A través dos seus personaxes, a serie trata de reflectir as miles de vivencias que suceden cada ano no Camiño de Santiago a todos os peregrinos que o realizan.

Ademais da propia serie, '3Camiños' contará cunha gran campaña transmedia, elaborada por Fluor Lifestyle, para difundir a imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta