Os colectivos contra a mina de Touro ven unha manobra electoralista detrás da paralización do proxecto mineiro

Os colectivos sociais implicados no proceso contra a reapertura da mina de O Pino-Touro, sinalaron que continuarán as súas actividades ata que se restauren os terreos da antiga explotación pechada hai trinta anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2020 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

As asociacións profesionais, cívicas e ecoloxistas contrarias á reapertura da mina de Touro, valoraron a unidade de acción de todos estes colectivos como eixe fundamental das súas actividades en contra da reapertura da mina de cobre en terreos da antiga explotación situada nos termos de Touro e O Pino.

Representantes de colectivos valorando a DIA sobre a mina O Pino-Touro
Representantes de colectivos valorando a DIA sobre a mina O Pino-Touro | Fonte: colectivos contrarios á mina O Pino-Touro

Así, nun comunicado conxunto lido en Carril (Vilagarcía de Arousa) este venres,  destacaron que a unidade e a mobilización de sectores sociais “demostrou que é posible parar un proxecto” como o presentado por Cobre San Rafael “a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galicia”. Neste sentido sinalan ao executivo galego como “o gran valedor desta iniciativa”, mostrando “un interese que ía máis aló do estritamente administrativo”, segundo os colectivos asinantes do comunicado.

A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) consideraba non viable o proxecto presentado no seu día por Cobre San Rafael, porque “tal e como estaba redactado non se garantía a sustentabilidade ambiental". Os colectivos reunidos en Carril declaran como acertada a DIA, non obstante, dita declaración está motivada “ao noso entender, polas recentes actuacións da Fiscalía de Medio Ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas (eleccións) autonómicas”.

“Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a restauración da antiga mina e a súa contorna”, anuncian as asociacións presentes no acto de lectura do comunicado. Tamén mostraron a súa intención de seguiren os pasos das empresas “do entramado mineiro de Touro e O Pino”, pois valoran que “hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar”.

Máis aínda, temen que “ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental”, se podan reabrir e presentar novos proxectos para O Pino-Touro. Isto último en referencia ao proxecto de lei de Avaliación Ambiental, coa que se “elimina garantías no procedemento ambiental, acurta prazos e dificulta a participación cidadá”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta