O PP queda só para reclamar ao Goberno que cumpra a "Axenda Galicia"

Os populares rexeitan apoiar na Cámara o acordo alcanzado entre PSOE e BNG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia quedou só este martes para reclamar ao Goberno central o cumprimento da 'Axenda Galicia', un documento aprobado polo Consello da Xunta que inclúe un total de 25 peticións como o pago dos 370 millóns que o Estado debe a Galicia, a finalización do AVE nos prazos establecidos e a transferencia da AP-9.

Os populares aprobaron en solitario esta proposición non de lei, defendida polo seu portavoz parlamentario Pedro Puy, e non aceptaron ningunha das emendas formuladas pola oposición, que tachou de "panfleto" e de "propaganda" o texto presentado polo PPdeG. Así, mentres que En Marea optou por situarse en contra, PSdeG, Común da Esquerda e BNG abstivéronse.

Na súa intervención, Pedro Puy subliñou que Galicia, "a través do seu Goberno e do seu Parlamento", "ten fixada unha axenda" coas reclamacións ao Goberno do Estado. "Unha axenda pertinente e coherente nos seus contidos e na acción política", sostivo Pedro Puy.

O portavoz popular criticou que, "despois dun longo período de interinidade selectiva" no Executivo estatal, agora hai "unha nova maioría" que, na súa opinión, "ten demasiadas hipotecas con forzas e territorios", unhas cargas que "afastan Galicia de estar nas súas preferencias".

"Por moito que diga o BNG" --en referencia ao acordo alcanzando entre os nacionalistas e o PSOE-- "o feito real é que os galegos nos enfrontamos a un goberno que prioriza outros territorios sobre Galicia", manifestou. Tras iso, pediu ás restantes forzas da Cámara o seu apoio a esta iniciativa ao asegurar que recolle asuntos xa debatidos en ata "101 ocasións punto por punto" no Parlamento de Galicia. 

CRÍTICAS Á ACTITUDE DO PP SEGUNDO QUEN GOBERNE

En fronte, aínda que todos os grupos da oposición coincidiron na pertinencia de moitas das reivindicacións que se inclúen no texto do PP, os grupos da oposición criticaron o "cambio de actitude" dos populares galegos "segundo quen goberne" no Estado e chegaron a tachar de "propaganda" o documento presentado.

En primeiro lugar, o socialista Luís Álvarez cargou contra o "furor epistolar" do Goberno de Feijóo desde a chegada do PSOE ao Executivo estatal e afeoulles aos populares que só inclúan nesta axenda "obrigacións" para a Administración estatal.

"PROPAGANDA"

Pola súa banda, Carmen Santos (Grupo Común da Esquerda) cargou contra o "panfleto de propaganda" presentado polos populares galegos que, segundo indicou, inclúe propostas que a oposición defendeu no Parlamento galego e ás que o propio PP "votou en contra" cando gobernaba Mariano Rajoy.

Por iso, considerou que esta 'Axenda Galicia' "deixa por escrito" a "lista de incumprimentos" do Partido Popular en Galicia, con "todo o que non fixo Feijóo en 11 anos" de mandato, "sete" dos cales cun goberno do mesma cor no Estado.

No debate, o nacionalista Luís Bará comparou o Grupo Parlamentario Popular con "eses cans que a xente pon no maleteiro dos coches e que van asentindo". "Estiveron a facelo 10 anos", asegurou Bará, que lle pediu aos populares que non traten de "vestirse de algo que non son".

"Se non tivésemos memoria diriamos que o Partido Popular nunca gobernou en España", trasladou na súa quenda de palabra o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen asegurou que aínda que moitos asuntos incluídos "parecen razoables" é "incompresible" que o PP só as reclame cando hai un partido distinto á fronte do goberno do Estado.

ACORDO ENTRE O BNG E O PSOE

Por outra banda, na sesión, o Partido Popular votou en contra dunha iniciativa do BNG que pedía que o Parlamento de Galicia manifestase a súa valoración positiva sobre o acordo de investidura alcanzado entre BNG e PSOE.

A iniciativa, defendida polo deputado nacionalista Luís Bará, emprazaba á Xunta a participar "proactivamente" na Comisión Mixta de transferencia Estado - Xunta para "programar a activación" dos traspasos "pendentes".

Ademais, incluía outro punto no que, do mesmo xeito que no texto acordado entre BNG e PSOE, se pedía que calquera modificación da estrutura territorial do Estado asegure a Galicia o mesmo status que Cataluña ou o País Vasco. Aínda que non saíu adiante dado o rexeitamento do PP, a iniciativa contou co apoio dos restantes grupos da oposición. 

Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta