Ofertas electorais para o 21-O

A verdade é que nunca houbo unhas eleccións en Galicia que tiveran tras de si as interrogantes que se dan nesta convocatoria. Tres anos e pico de goberno que prometeu o ouro e o mouro, só fixo recortes, incumprimentos e mentiras permanentes, creando un grande desacouso nos electores. Por iso a incógnita de como se manifestará o descontento da cidadanía.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 25/09/2012

Comparte esta noticia
Padecemos na nosa terra unha situación grave e de certa indefensión diante os problemas que ameazan a sociedade. E sobre todo, soportamos  unha gran indefinición de cara onde camiñamos, pois a ausencia de proxecto de pais e de rumbo, é indicativo de que imos  á deriva dentro da política dun Estado gobernado por unha visión ideolóxica partidaria, que non é consciente de que, desta  crise, ou saímos  mediante o consenso e o reparto de cargas sociais ou teremos un futuro moi negro. Ademais,  engadido a todo o anterior, temos a un  presidente que actúa como un bedel  e non sabe defender o cargo para o que foi electo, que  é o  de  máximo representante dunha comunidade histórica.
 
E diante este panorama as ofertas electorais  que se nos presentan  resultan pouco novidosas, e algunha pintoresca polo persoeiro que a encabeza. Pero Galicia de cando en vez, foi terra de insólitos e raros fillos.
 
Desta maneira os populares, vendo a disparatada situación que temos xa se conforman con dicir que somos a comunidade que ten feitos os deberes no referido aos recortes. Polo que o do paro, a situación dos nosos fillos sen traballo e fuxindo do pais,  o envellecemento da poboación, etc. non ten importancia. Total, sempre fomos unha terra de emigrantes. Como imos cambiar o curso da historia.
 
Pola contra os socialistas amosan un candidato feble e un discurso vacuo sen propostas salientables, polo que nada engaiolante para a xente.
 
Esquerda Unida fixo unha operación de mestizaxe con un Beiras egocéntrico que rexeitou acordos con forzas da terra para caer en mans dos xacobinos do Partido Comunista de España. En fin, fuxiu do control da UPG e cae nas mans do P.C. Logo aparece en escena unha formación liderada por un ex banqueiro e ex presidiario, que non sabemos realmente o que dará de si. Pero  vai ser un grave problema para os populares, pois parece que entraría como competidor na órbita dos conservadores.
 
Pola parte nacionalista dúas son as opcións que lle ofertan ás xentes desta terra a oportunidade de votar pensando en clave de pais.
 
O BNG oferta unha defensa dos intereses galegos dende unha visión soberanista e radical que camiña paso a paso cara o resistencialismo sin máis aspiracións. E en Ourense presenta a unha candidata que soio aspira a contentar as súas bases.
 
Por último aparece unha nova formación nova  encabezada en Ourense por  Xosé Manuel Pérez Bouza,  que promete para o futuro deste pais.  Esta formación  de recente construción , que se presenta co nome de Compromiso por Galicia quere ser unha alternativa ao nacionalismo radical e en retroceso  do Bloque; quere ser unha formación que represente un nacionalismo posibilista e pegado á xente. E  pretende erradicar as formas vellas de facer política dándolle a oportunidade aos cidadáns de elixir candidatos e participar na vida pública dunha forma máis directa, pero que acaba de nacer.
 
En fin, estamos diante unhas eleccións abertas, nas que as incógnitas da maioría absoluta dos populares, e as novidades electorais  dirán cal é o mapa político despois do 21-O.  E logo, segundo parece, virá outra xeira de recortes e subas nos bens básicos, polo que, os máis acaído é pedirlle as forzas políticas sobre todo: Sinceridade.  Pois  de promesas, mentiras e trolas; de linguaxes e eufemismos para ocultar a realidade xa chegou de abondo nestes anos pasados. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com