Emigración desvincula a Xunta do buraco detectado por Contas na xestión de axudas a emigrantes en Venezuela

Esgrime que este asunto "afecta o Goberno central". Feijóo asegura que non lle preocupa este asunto e relaciona coa "campaña" que o PSOE, como o resto da oposición, lle pida explicacións

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2020 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Emigración desvinculou este venres á Xunta das irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas na xestión de axudas a españois en Venezuela en 2015 e 2016, e nega a suposta intercesión do titular deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, para tratar de ocultar esta cuestión que constatou o órgano fiscalizador.

A información publicada por medios como 'Praza Pública' e 'ElDiario.es' indica que Rodríguez Miranda formularía a posibilidade de ocultar a irregularidade detectada por Contas. Fíxoo durante unha reunión na embaixada española de Venezuela, coa presenza do embaixador, Jesús Silva, e o cónsul Juan José Buitrago, todos membros do consello de administración da Fundación España Salud.

Segundo a información publicada, a irregularidade afectaría directamente a Juan de San Genaro Santana (dirixente do PP de Canarias), responsable da consellería laboral da embaixada, órgano dependente do Ministerio de Traballo, durante os anos 2015 e 2016, e quen xestionaría supostamente a adquisición no mercado negro dunha cantidade indeterminada de dólares tras cambiar 300.000 euros que estaban destinados a axudas de emerxencia social para casos graves.

O informe de Contas, segundo se publica, sinala que o importe correspondente ao cambio naqueles anos foi entregado á citada fundación, pero que o diferencial obtido destinouse ao pago de actividades de carácter electoralista. A oposición pediu explicacións por este tema, mentres que fontes de Emigración consultadas por Europa Press esgrimiron que este asunto foi fiscalizado por Contas e "afecta o Goberno central". "A Xunta non ten nada que ver", insisten as mesmas fontes.

DÚAS REUNIÓNS

Emigración insistiu en que o órgano fiscalizado é unha consellería laboral dependente do Ministerio de Traballo, que non ten "ningunha vinculación nin orgánica nin funcional coa comunidade". Tamén remarca que non entra a valorar "a xestión feita por un funcionario da Embaixada de España en Venezuela" porque a descoñece e que, non só "respecta" senón que considera que "deben aplicarse de forma estrita os ditames e resolucións" que, neste caso, emanan "do máximo órgano fiscalizador de contas e xestión económica do sector público.

Máis aló, Emigración precisa que Miranda mantivo dúas reunións institucionais --unha co embaixador e outra co cónsul--, que "non existiu" un único encontro con ambos, e que ambas foron "públicas" e centráronse en asuntos da colectividade. Negan que o secretario xeral xogase calquera papel de intermediación.

En canto á Fundación España Salud, as fontes de Emigración remarcan que foi creada polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, e que é unha entidade radicada en Venezuela que "ten por finalidade prestar atención médico-cirúrxica e farmacéutica" aos emigrantes. "É unha entidade do Goberno de España e financiada por este, coa que colaboran as comunidades con máis emigrantes, como Canarias, Asturias ou Galicia", resolven.

FEIJÓO VINCULA AS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN COA CAMPAÑA

Pola súa banda, preguntado polas críticas da oposición e, en concreto, pola petición de comparecencia que formularon os socialistas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou "descoñecer" o contido concreto da información e engadiu que, en todo caso, non lle preocupa.

"Que un dirixente socialista lle pida explicacións ao PP sobre Venezuela non deixa de ser algo exótico. A campaña (para as eleccións do 5 de abril) non podía empezar cun humor tan potente como este. Nin sei do que me fala nin me preocupa en absoluto ningunha información. Se hai algunha cousa, o que a fixo terá que aclarala", esgrimiu.

Dito isto, engadiu que "coincide" coa "opinión de Felipe González" sobre "a relación de PSOE e Podemos co réxime chavista". "Imos seguir defendendo a liberdade en Venezuela e aos galegos que viven alí, gústelle a quen lle guste. Quen queira desviar a atención, é o seu problema. Nós queremos en Venezuela liberdade e democracia", concluíu.

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto en Caracas (Venezuela)
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto en Caracas (Venezuela) | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta