Os montes veciñais en man común, claves para manter a biodiversidade e reducir riscos de incendios

Científicos avisan de que, “a longo prazo, o abandono dos usos tradicionais conduce a unha simplificación e homoxeneización do mosaico da paisaxe rural, asociado a unha diminución da biodiversidade e un aumento do risco de incendios”. Galicia conta con máis de 3.312 comunidades de montes veciñais en man común que abarcan a cuarta parte do territorio e case a metade da superficie arborada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En Galicia hai 3.312 comunidades de montes veciñais en man común que ocupan unha superficie dunhas 665.000 hectáreas, a cuarta parte do territorio galego e case a metade da súa superficie forestal arborizada, segundo datos do primeiro Anuario de Estatística Forestal de Galicia, editado pola Xunta a través da Consellería do Medio Rural, con datos actualizados a 2018.

Xornada organizada pola Comunidade de Montes de Teis, en Vigo, contra o rebrote da acacia na Madroa
Xornada organizada pola Comunidade de Montes de Teis, en Vigo, contra o rebrote da acacia na Madroa | Fonte: © Miguel Núñez.

Estamos ante un caso singular en España, onde esta forma de xestión comunitaria dos montes forma parte do acervo cultural dos galegos; unha tradición que garante a conservación da biodiversidade. Así o afirma un estudo de científicos adscritos ao Institut de Ciència i Tecnologia Ambientals de la Universitat Autònoma de Barcelona, Departamento de Biología de Universidad Autónoma de Madrid, Centro de Investigación en Biodiversidad y Cambio Global (CIBC-UAM) de Madrid e Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats (ICREA).

“En Galicia, máis que noutras rexións, a dependencia do sustento dos recursos forestais conduciu a unha forte resistencia rural a longo prazo” á abolición dos usos tradicionais da terra

Segundo estes expertos, a xestión comunitaria de terras baseada é “útil para o mantemento de ecosistemas diversos e de alto valor ecolóxico”, ata o punto de que se demostrou que “o abandono dos sistemas comunitarios tradicionais afecta negativamente a biodiversidade” e “aumenta o risco de incendios”. É por iso polo que o modelo comunitario preséntase como unha garantía para a sustentabilidade dos montes galegos.

De feito, comprobouse que “a propiedade tradicional baseada na comunidade superponse con áreas ricas en biodiversidade”.

“Os veciños puideron xestionar os recursos forestais durante moitas décadas, o que resultou en moitos ecosistemas de alto valor que actualmente se superpoñen con diferentes categorías de protección”, explican os científicos.

Así, atopamos terras en man común en espazos catalogados como Reserva da Biosfera, Monumentos Naturais, Parques Naturais, Área Natural Protexida, Paisaxes Protexidas, Zonas Húmidas Protexidas e Sitios Naturais de Interese Nacional.

Exemplos de áreas protexidas superpostas con bosques. Fonte: S. Guadilla-Sáez, et al. (2020). 'Forest commons, traditional community ownership and ecological consequences: Insights from Spain'. Forest Policy and Economics 112, 1021072.
.

Categoría da área protexida

Zona

Reserva da Biosfera

Área de Allariz

Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Xurés-Gerês (transfronteriza)

Os Ancares Lucenses y Montes de Cervantes, Navia y Becerreá

Río Eo, Oscos y Ferras de Burón

Terras do Miño

Monumento Natural

Serra de Pena Corneira

Souto da Retorta

Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós

Parque Natural

O Invernadeiro

Serra da Enciña da Lastra

Fragas do Eume

Monte Aloia

Baixa Limia-Serra do Xurés

Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Área Natural Protexida

Sobreiras do Faro

Paisaxe protexida

Val do río Navea

Zona Húmida Protexida

Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira

Complexo das praias, duna e lagoa de Corrubedo

Sitio de Interese Nacional

A Curotiña


Os montes veciñais en man común en Galicia son unha figura singular en España no marco de propiedade colectiva dos bosques, onde existen outras tipoloxías, como os montes comunais –aínda que son aproveitados polos veciños, a súa titularidade pertence a entidades públicas, non a quen habita esas terras– e os montes de socios, cuxos propietarios son grupos de persoas que os compraron colectivamente

“A substitución dos sistemas de gobernanza comunitaria das terras comunais nos séculos XIX e XX tivo consecuencias negativas para o mantemento da cuberta forestal”

Como lembran estes científicos, os montes veciñais en man común “orixináronse durante a segunda metade do século  XX a partir da resistencia social dos campesiños galegos ás políticas de desamortización”, cun modelo de propiedade e uso da terra diferente a outros similares que foron máis habituais noutras zonas de España, como os montes comunais e os montes de socios.

“Os montes veciñais en man común teñen unha evolución histórica moi diferente á dos bosques comunais e os bosques de socios”, xa que “teñen unha orixe de propiedade privada, onde a propiedade pertence colectivamente aos membros da comunidade local”, unha figura que, lembran, “non foi recoñecida pola lexislación liberal, que en 1848 negou calquera posibilidade de forma de propiedade comunitaria en España e transferiu os dereitos de propiedade dos bosques veciñais aos municipios”. Con todo, agregan, “en Galicia, máis que noutras rexións, a dependencia do sustento dos recursos forestais conduciu a unha forte resistencia rural a longo prazo” a este proceso de apropiación das terras e abolición dos usos tradicionais que “tivo consecuencias ecolóxicas negativas”.

“A combinación de ambos os factores, unha forma de propiedade privada orixinal e unha forte oposición local ao proceso de desmantelamento, deu como resultado o recoñecemento legal da forma de propiedade comunitaria en Galicia mediante a inclusión do monte veciñal en man común na Lei de Montes de 1957, e mediante a promulgación en 1968 dunha Lei Forestal específica que devolveu os dereitos de propiedade de montes veciñais en man común ás comunidades locais galegas. En 1975, o marco legal do monte veciñal en man común estendeuse ás provincias veciñas do noroeste de Zamora, León, Asturias e Cantabria”, lembran os expertos.

Do que non teñen dúbida os científicos é de que “a substitución dos sistemas tradicionais de  gobernanza comunitaria durante o proceso de privatización e intervencionismo estatal das terras comunais nos séculos XIX e XX tivo consecuencias negativas para o mantemento da cuberta forestal en España”, xa que, “por unha banda, os bosques adquiridos por propietarios privados foron cortados para compensar o valor en efectivo da súa compra” e, “por outro, os bosques considerados públicos sufriron usos ilegais non sancionados polas institucións locais”.

“En ausencia destas formas históricas de xestión, nas últimas décadas moitos hábitats  seminaturais ricos en biodiversidade diminuíron ou perdéronse. Por exemplo, a diminución progresiva dos castiñeiros”, achegan.

En definitiva, para os científicos, “a suposición inicial de que a diminución das prácticas tradicionais relacionadas cos bosques daría lugar á conservación destes parece ter o efecto contrario a longo prazo".

“O abandono dos usos tradicionais conduce a unha homoxeneización da paisaxe rural, asociado a unha diminución da biodiversidade e un aumento do risco de incendios”

PRESERVAR OS USOS TRADICIONAIS

En opinión dos expertos, en base ás probas empíricas, a xestión comunitaria dos montes debe preservarse para garantir a saúde das terras, xa que se demostrou que, “a longo prazo, o abandono dos usos tradicionais conduce a unha simplificación e homoxeneización do mosaico da paisaxe rural, asociado a unha diminución da biodiversidade e un aumento do risco de incendios”.

Os datos que manexa a comunidade científica evidencian os beneficios da xestión comunitaria para os hábitats: “Nas áreas xeográficas que mostran unha forte oposición ás políticas de desmantelamento dos bosques comunais e onde os dereitos tradicionais de propiedade comunitaria foron restaurados, atopamos varios casos de  superposición entre bosques comunais e áreas de conservación”. Algo que, en opinión destes expertos, “apoia a idea de que o manexo baseado na comunidade pode ser útil para o mantemento de ecosistemas diversos e de alto valor ecolóxico, á vez que permite ás comunidades locais o uso dos recursos naturais”.

É por iso polo que solicitan máis investigacións para identificar que prácticas de xestión particulares aplicadas tradicionalmente polas comunidades locais nos ecosistemas forestais foron favorables para a biodiversidade. Nesa liña, propoñen abordar como os legados actuais do bosque comunitario poden complementar a ciencia forestal no deseño e implementación da axenda de políticas de conservación.

A provincia de Ourense rexistra o 41,76% da superficie total de montes veciñais de Galicia, seguida de Lugo co 30,63%

DATOS DE GALICIA

Segundo datos do primeiro Anuario de Estatística Forestal de Galicia, con datos de 2018, 3.312 montes tiñan a consideración de Monte Veciñal en Man Común, clasificados polos xurados provinciais cunha superficie total de 664.229,89 hectáreas, o que fai unha media de 200,55 hectáreas por monte veciñal.

A provincia de Ourense rexistra o 41,76% da superficie total de montes veciñais de Galicia, seguida de Lugo co 30,63%. Estas dúas provincias presentan tamén as maiores superficies medias, ao redor de 220 hectáreas. Pola súa banda, Pontevedra ten o 20,37% e A Coruña é a provincia con menos presenza deste tipo de propiedade, con tan só un 7,24% do total.

O distrito Verín-Viana é o que ten maior superficie de montes veciñais en man común, cun total de 93.572,13 hectáreas, e é o que presenta a maior superficie media por unidade, con 429,23 hectáreas.

As maiores porcentaxes de comunidades de montes veciñais en man  comúnse sitúan na provincia de Ourense co 39,19% (1.204) e Lugo co 30,01%, dun total de 922; o resto sitúanse na provincia de Pontevedra cun 21,71% e A Coruña, cun reducido 9,08%.

O total de comuneiros ascende a 122.734 no conxunto de Galicia. E a media de comuneiros por comunidade de montes é de 44, desde os 83 de media en Pontevedra aos 25 en Lugo. As maiores porcentaxes de comuneiros pertencen aos distritos Caldas-O Salnés e Vigo-Baixo Miño, co 19,1% e 16,2% do total de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta