O novo decreto de prezos non convence aos sindicatos agrarios galegos

O Sindicato Labrego Galego móstrase "escéptico" ante a aplicación do novo decreto de prezos. UU.AA. chama a actualizar custos de produción para negociar miles de contratos lácteos tras o novo decreto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, sinalou que acollen con "escepticismo" e que mirarán a "letra pequena" do real decreto aprobado este martes polo Consello de Ministros que busca, entre outras medidas, garantir que non haxa 'venda a perdas'.

Así o indicou este mércores durante a presentación da campaña 'O rural galego sobre a mesa' acompañada dos representantes do grupo de Mocidade, Sonia Vidal e Santi Rodríguez, na que remarcou que xa recibiron "varias veces" este tipo de medidas sen resultados na práctica.

Isabel Vilalba explicou que "a distribución pode non vender a perdas", pero denuncia que na parte do produtor "queda o prezo por baixo de custos" e hai que "romper o tema de facer o prezo de arriba para abaixo".

A secretaria xeral do SLG recalcou que consideran "o xusto" a modificación na tributación dos novos agricultores, que terán unha fiscalidade máis fraccionada polas axudas da PAC, pero que en cuestións de "máis complexidade", como os prezos, verán "se é certo que hai un traballo real nesta dirección".

PROPOSTAS SOBRE RURAL A BNG E EN MAREA

Por outra banda, o SLG presentará a formacións políticas un decálogo de medidas sobre o rural con "cuestións básicas" como os prezos e a protección da terra agraria. Pediron reunións con todos os grupos parlamentarios e, aínda que agora a Cámara xa está disolta, polo menos reuniranse con representantes do BNG e de En Marea --que están no Grupo Mixto--.
Con respecto ás medidas do decálogo, Isabel Vilalba sinalou que se debe protexer a terra agraria en Galicia, onde representa un 21%, "un das porcentaxes máis baixas a nivel estatal e europeo".

Ademais, Sonia Vidal denunciou a situación da substitución xeracional e reclama un "apoio real" á mocidade. No SLG demandan tamén avances en políticas de igualdade, coa aplicación da Lei de Tituralidade Compartida, para que as mulleres "que seguen traballando sen cotizar e sen ver recoñecidos os seus dereitos laborais poidan facelo".

Santi Rodríguez remarcou tamén que se debe "falar máis de agroecoloxía que de ecoloxía", pois os produtos que atopamos con esta etiqueta ás veces veñen de fóra e considera que hai que "centrarse máis na maneira en que se produce".

Henrique Outes, Vicerresponsable do Sector de Huerta do Sindicato, e Pura Seoane, agricultora ecolóxica, na presentacion do 'IV Foro Labrego de Agroecoloxía'.. SINDICATO LABREGO GALEGO (SLG)
Henrique Outes, Vicerresponsable do Sector de Huerta do Sindicato, e Pura Seoane, agricultora ecolóxica, na presentacion do 'IV Foro Labrego de Agroecoloxía'.. SINDICATO LABREGO GALEGO (SLG)

UU.AA.

Por outra banda, Unións Agrarias chama a un encontro de toda a cadea de valor láctea --produtores, industria e distribución-- cos Gobernos galego e central para actualizar os custos de produción de face á negociación de miles de contratos en Galicia para o próximo ano, que se deben pechar antes do 31 de marzo.

En rolda de prensa en Santiago, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, sinalou que Galicia servirá como "proba de tensións" da posta en marcha do decreto de medidas urxentes en materia de agro aprobado o martes polo Consello de Ministros.

O sindicato agrario valora que a "diferenza" que inclúe este decreto respecto do acordado nas últimas décadas é que se "tipifican unhas condutas como ilegais", con sancións de ata 100.000 euros. Así, non se trata dun "código de boas prácticas" como o acordo lácteo de 2015 para as vendas a perdas e utilización do leite como produto reclamo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta