Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 16:04
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ordenou a desactivación definitiva dos "bolardos asasinos", coincidindo co mércores de cinza, e utilizando a expresión "po es e en po te converterás" o rexedor ironizou sobre a "curiosidade" da data escollida para pór fin ao que tachou de "sistema atroz".
O alcalde de Ourense achegouse ás 13.00 horas deste mércores á confluencia das rúas Concordia e Santo Domingo para dar en persoa a orde de desactivar o sistema de control de acceso. Momentos despois, un taxi foi o primeiro vehículo en acceder ao centro histórico.
Deste xeito, Jácome sentenciou que "os bolardos asasinos xa son historia". Trátase dun sistema que, ao seu parecer, "nunca se debeu implantar".
Este argumento xustifica o feito de "non esperar a dispor do novo sistema de cámaras de vixilancia -que aínda tardará uns meses- para proceder á súa desactivación". Mentres tanto serán os axentes policiais os encargados de "controlar que non se produzan infraccións e impor as sancións oportunas".
Neste sentido, o alcalde considera que "os condutores terán aínda máis dificultades agora para cometer unha infracción porque se arriscan a unha multa", mentres que antes tamén había zonas da cidade polas que se podía acceder ao casco antigo sen exporse a unha sanción.
Os bolardos que impiden o acceso a vehículos non autorizados no casco antigo de Ourense levaban en funcionamento desde hai "aproximadamente dúas décadas". Neste período de tempo causaron "1.500 incidencias en vehículos con reparacións de ata 3.000 euros e numerosas lesións en viandantes", lembrou Jácome.
Deste xeito, o sistema de bolardos desactívase pero non se retirará co fin de poder utilizalos "en momentos puntuais", tales como días nos que prevexan grandes aglomeracións como unha medida de seguridade. Así, Jácome sinalou que é para el "unha auténtica honra ser o protagonista capaz de levar a cabo unha promesa electoral reivindicada ao longo do tempo".
CONCESIÓN CAFETARÍA XARDÍN XAPONÉS
Co mesmo "orgullo" informou de que o Concello de Ourense "pasará de ingresar 0.60 euros a máis de 68.000 euros ao ano pola concesión da cafetaría do Xardín Xaponés", unha cuestión que foi "outras das reivindicacións históricas de DO".
Este mércores tivo lugar o acto de apertura das tres proposicións económicas que optaban á adxudicación da xestión da cafetaría, e a mellor das ofertas presentadas ascende a 68.970 euros ao ano.
Segundo desvelou o rexedor, a persoa que máis poxou é Óscar González Álvarez, un empresario ourensán que rexenta máis negocios de hostalaría na cidade das Burgas. "Recibimos críticas que dicían que as condicións que establecemos eran moi duras pero nós sabiamos como estaban os prezos do mercado", sinalou Jácome.
O rexedor tamén afirmou que "as probas" de que fixeron "o correcto" é que "as poxas estiveron un 30% por encima da poxa de saída". "Esta é a nosa capacidade de xestión, a mesma que nos diferencia dos demais", expresou o rexedor que tamén lembrou que pola cafetaría do Xardín Xaponés estaban a cobrarse "60 céntimos ao ano cando a abriu o PSOE en 2014".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.