Abre unha nova edición da bolsa 'Nacho Mirás' para apoiar proxectos xornalísticos

Os titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual entre os anos 2016 e 2020 poderán presentar os proxectos ata o 30 de abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) presentou este luns na Facultade de Comunicación de Santiago a V edición da bolsa 'Nacho Mirás', que ten como obxectivo "lanzar profesionalmente" xornalistas e comunicadores recentemente titulados.

A bolsa, patrocinada por Abanca e apoiada pola Universidade de Santiago, dispón este ano dunha dotación de 6.000 euros para financiar un ou varios proxectos xornalísticos, segundo considere o xurado, nos que se valorará a orixinalidade, o traballo en equipo e a súa realización en galego.

Ademais, as iniciativas deben supor unha "posible vía profesional para o futuro", segundo anunciou a integrante da Xunta de Goberno do CPXG, Belén Regueira.

Os titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual entre os anos 2016 e 2020, este último incluído, teñen ata o 30 de abril para presentar os seus proxectos para cuxa realización teñen "total liberdade en canto a tema e soporte".

Así mesmo, os participantes deberán estar colexiados no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o cal é gratuíto para os alumnos que teñan superados máis da metade dos créditos, como indicou Belén Regueira.

NACHO MIRÁS E O XORNALISMO "RABUDO"

A bolsa converteuse nunha "especie de benvida na profesión", segundo Belén Regueira, que tentan promover un xornalismo "novo e rabudo" como defendía o xornalista e profesor da Facultade, Nacho Mirás, a quen van dedicados estes premios.

Un "extraordinario xornalista que dignificou a profesión e achegou unha visión nova ao xornalismo en Galicia", reivindicou, de Nacho Mirás, o decano da Facultade, Xosé Ramón Pousa.

'ENTRELINGUAS', PREMIADO EN 2019

Por outra banda, o acto tamén acolleu a presentación da iniciativa gañadora da edición pasada, 'Entrelinguas', creada polos recentemente titulados da Facultade, Alejandro Vázquez Corral, Sara Barreiro Álvarez e Antonio Méndez Rodríguez.

Así, os tres explicaron que se trata dun proxecto que tenta "visibilizar a Galicia baleirada" e "divulgar a lingua galega" a través do retrato de 13 pequenos concellos repartidos polas diferentes áreas dialectais que conforman o país.

En definitiva, un proxecto que se iniciou buscando a historia das diferenzas lingüísticas de Galicia e que acabou atopando toda unha variedade histórica, cultural, social, natural e etnográfica do territorio galego, segundo contan os seus creadores.

Presentación do V edición dos premios 'Nacho Mirás' este luns na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago.. EUROPAPRESS
Presentación do V edición dos premios 'Nacho Mirás' este luns na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago.. EUROPAPRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta