Menú de corentena. Hoxe sopa de peixe e berenxenas recheas

O tempo da corentena chegou e canda el a posibilidade de reconciliármonos coa cociña, os cazos, as cuncas, os pratos e poñer a mesa. Para que iso resulte atractivo, iremos ofrecendo unhas receitas doadas de facer, mesmo con ingredientes que se pode mercar a prezo ben barato. Aviso: non teñen por que ser exactamente os produtos sinalados, sempre se poden substituír por outros parecidos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O colega Josinho Silva do café-bar o 13 en Compostela, botounos unha man para a primeira das propostas culinarias que vos ofrecemos. Amigos e amigas, velaquí unha sopa de peixe digna dun convento cisterciense (ou como se di, para comer como un cura).

Berenxenas cortadas
Berenxenas cortadas | Fonte: Pinterest


SOPA DE PEIXE

Un prato perfecto para estes días incertos e de pouco consumo calórico.

Ingredientes:

-500g de peixe  (pescada,escacho, pinto... .) o q prefiras ou estea mais barato na praza

-500g mexillóns

-250g berberechos 

-Un par de luras grandes

-1pemento vermello

-1pemento verde

-2 cebolas

-1 alloporro

-2 dentes de allo

-Sal, pementa e pementón

Fumet: ferver durante uns dez minutos os restos das hortalizas e do peixe.

1 abrir os mexillóns e berberechos ao vapor. Reservar a auga e as viandas.
2 picar e sofritir as hortalizas uns 20 minutos.
3 engadir as luras limpas e picadas en anacos pequenos uns10 minutos.
4 cullerada de pementón (mellor doce se prefires picante sen problema).
5 meter o peixe totalmente desespiñado e sen escamas.
6 engadir coa axuda dun coador o fumet e a auga dos mexillóns e berberechos.
7 deixar ferver a lume medio uns dez min, sal e pementa segundo o gusto.

Pódese acompañar cunhas costras de pan fritido ou tortado.

BERENXENAS RECHEAS

Como non podía ser doutra maneira en Galicia Confidencial tamén nos animamos a darlle con gusto á arte da boa mesa. Así ofrecemos a seguinte receita, un tanto persoal, de berenxenas recheas.

-Unha ou dúas berenxenas (segundo as necesidades ou número de xente a comer)

-Xamón cocido ou peituga de pavo (a cantidade a elixir)

-Queixo para fundir (non hai que ir ao máis caro, pode ser mesmo o dos sandwiches que os hai ben baratos)

-Un ou dous tomates

-Especias (a elixir tamén)

-Aceite de oliva


Lavamos e cortamos as berenxenas en horizontal creando láminas. Pasámoslles polas dúas caras aceite de oliva e logo condimentamos coas especias. Facemos uns rolos co queixo e coa peituga de pavo, recomendamos a peituga de pavo ou xamón cocido envoltos no queixo (pode ser ao revés se se quere). Cortamos o tomate en láminas finas, botámoslle aceite e especias.

Collemos a bandexa do forno e imos poñendo as pezas de berenxena. Entre as láminas de berenxena colocamos as pezas de tomate e entre as pezas de tomate os rolos de queixo e peituga de pavo, así ata que enchamos toda a berenxena. Deixamos toda esta peza deitada sobre un lado, esquerda ou dereita, porque non se ten en pé. Se se quere, pódese botar por encima queixo raiado ou aceite de oliva. Metemos no forno e programamos para uns 20 minutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta