Falan os psicólogos: consellos, advertencias e perigos de pasar 24 horas pechados na casa

Os días da corentena están sendo longos. Pecharse durante 23 horas por día como mínimo, pode producir estados de ansiedade e de fatiga mental. Aínda que haberá momentos complicados que non poderemos evitar, aquí van algunhas ideas para levar estes días que veñen.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A convivencia é algo que pode romper en calquera momento, ben porque houbo un incidente que a desatou sen que houbese precedentes ou pola contra, había unha tensión acumulada desde tempo atrás e estoupou varrendo a harmonía dentro do núcleo de convivencia.

Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.
Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.

Durante os vindeiros días, ou semanas, deberemos aprender aquilo que pensabamos ter aprendido, vivir baixo o mesmo teito con persoas que criamos coñecer. Porque quince días ou un mes poden deixar á luz moitas cousas descoñecidas sobre as nosas compañeiras ou compañeiros. Conchita López, psicóloga e membro da Comisión Coordinadora do Grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias

EVITAR QUE A COUSA SALTE

Cando a tensión se acumula logo de varios días, calquera mínimo detalle pode levarnos a unha situación de tensión que acabe nunha rifa “monumental”. Poden evitarse estas situacións? Conchita López describe primeiramente o momento actual como “unha situación complexa e moi inusual e non estamos habituados a algo así por ser a primeira vez que nos pasa”. Para evitar as posibles rifas “o primeiro de todo recomendaría consensuar unha serie de aspectos dentro de casa, falar sempre as cousas, poñer un horario, organizarse, falar antes axuda a organizar e rebaixar algunhas tensións”.

As tensións sacan o peor de cada un, e isto fai esquecer algunhas partes boas da nosa personalidade. “Usar o sentido do humor para ter unha situación o máis distendida posible cunha visión positiva, entender que isto terá un final” explica López. Esa visión de tomar con humor as cousas, pode axudar a levar a situación de peche con compañeiros e compañeiras.

En Marea propón no Parlamento medidas de atención ás persoas maiores que viven en soidade. EN MAREA - Arquivo
En Marea propón no Parlamento medidas de atención ás persoas maiores que viven en soidade. EN MAREA - Arquivo

E que sucede cando en vez de ser unha familia, son varias persoas compartindo unha casa? Cada unha delas trae a súa “mochila”, as súas manías, hábitos etc. Como poden afrontar esta época? “Da mesma maneira que o levas o resto do ano, só que agora estaredes máis tempo xuntos”. Conchita López estima que se se pode estar xuntos sen haber contaxiados e tomando medidas, a circunstancia permitirá buscar actividades para facer todos xuntos. “Como se fose unha familia, buscar fórmulas de compartir, por exemplo, un horario para diferentes actividades”.

ANSIEDADE E MÁIS ANSIEDADE

O illamento ou peche tal como se está empregando estes días, pode afectar especialmente a persoas cunha maior sensibilidade emocional ou con tendencias depresivas. Un primeiro paso recomendado é  non estar todo o día pendente da información que se transmite nos medios, non agobiarse, poñer unha hora para informarse e non estar pendente todo o día. “O bombardeo informativo non axuda. Hai que vivir o día a día, organizarse para hoxe, deixar mañá porque é outro día, xa chegará”.

Por outra parte, as ameazas sobre postos de traballo, sobre a posibilidade de que unha nova recesión bata moi forte na sociedade, tamén pode levar á xente a un estado de ansiedade e desesperanza moi alto. “Preocuparnos pola crise económica agora mesmo non vai solucionar nada porque non podemos facer nada sobre algo que afecta a nivel mundial” aconsella López que remata dicindo “preocupémonos do que está nas nosas mans”.

A xente vai estar moi nervosa, hai moitos profesionais con estrés como os sanitarios e traballadores de supermercados. Unha actitude normal diante dunha situación excepcional. “Diante de situacións así, hai que intentar xestionar as emocións, porque esas emocións son lóxicas e están aí para avisarnos”. Se alguén se sente desbordado psicolóxicamente, debería pedir axuda a través dos teléfonos de emerxencia.

Finalmente, hai que ter en conta que isto é temporal, que ten un final. Por iso é mellor pensar no día a día pois é o que pode axudar. Algúns expertos recomendan non pensar na data final da corentena, porque se non se cumpre e queda adiada os seguintes días serán insoportables.

“O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estamos difundindo consellos sobre como afrontar estes días”. Ademais, tamén se pode informar de todas as actividades que sexa posible. O profesorado galego está subindo a unha plataforma todo tipo de materiais e recursos para os rapaces. Con todo, para Conchita López, esta corentena “pode ser unha maneira de ir preparándose para o futuro de como será o teletraballo e organizarse de novas formas”. Algo bo se pode sacar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 GalegON

Aprender das dificultades e como diría miña nai PACENCIA...

2 Gamela

E os psicólogos non falan de que un Estado de Reclusión Forzosa é unha medida bárbara que pode provocar suicidios nas persoas que viven en aillamento nas súas casas (?) A pandemia como o seu nome indica é total, e antes ou despois, todos teremos algún tipo de contacto co virus (leve ou grave) ! Qué sentido ten prohibir facer deporte ou sair en bicicleta (Bélxica o permite e non creo que sexan un pais babanero coma é este noso?)

1 Gamela

Se todos estamos obrigados a cumprir as leis, por que o alcalde de Vigo non cumpre a LEY ? (neste tempo de reclusión forzosa estaría ben reflexionar sobre estas cousas) https://youtu.be/YvwajGEgVK4 Que pasedes un bo día... #CoronaCiao !