Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2025 | Actualizada ás 13:20
A CIG-Ensino anunciou dúas novas xornadas de folga para o 29 e 29 de outubro se a Consellería de Educación "non accede a negociar melloras laborais para o profesorado". Tal e como trasladou a central sindical nun comunicado, tras o "éxito" da folga docente e da manifestación do pasado 25 de setembro e ante a "inacción e o inmobilismo" da Xunta, a CIG remitiulle un escrito ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González.
No devandito documento, solicitóuselle a apertura dunha negociación na que poder "pór enriba da mesa as verdadeiras demandas do profesorado". De non producirse, "intensificaranse as mobilizacións". A CIG sinalou algúns cambios realizados polo Goberno galego, entre os que se atopan a instrución de que os centros de infantil e primaria subisen as vacantes existentes o propio día 1 e o inicio dos chamamentos o día 3; a inclusión das vacantes PROA+, ou a adxudicación antes da manifestación do día 13 de máis de 1000 vacantes, "moitas delas a media xornada", entre outras.
Non entanto, son medidas "totalmente insuficientes" coas que a Administración "tratou de contrarrestar as protestas dos centros e das familias pola falta de persoal, sobre todo para atender á diversidade". Por iso, convocou dous días de folga, acordadas co sindicato STEG, que teñen como obxectivo "forzar á Consellería a abrir esas negociacións". Entre os puntos que demandan, lembrou, está a baixada de cocientes en todas as etapas educativas a partir do curso 26/27; a recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e en 2012.
Tamén, medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade; un plan real de eliminación de burocracia; melloras retributivas; a redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e a recuperación das licenzas por formación retribuídas. A central sindical asegurou que desconvocarán estas e outras accións que ten previsto levar a cabo se a Consellería dá "pasos veraces" que poidan plasmarse nos orzamentos para o próximo ano, que se van a debater e aprobar no Parlamento galego no mes de decembro. Con todo, a CIG fixo un chamamento ao resto de organizacións sindicais, especialmente ás tres que asinaron o Acordo de Melloras, a que se somen a estas mobilizacións e "defendan a vontade maioritaria" do profesorado, "tal e como se escenificou o pasado día 25 de setembro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.