Este é o momento para aprender baile galego se nunca antes te animaras

Tes á túa disposición a través redes sociais as clases en vídeo de varios mestres de baile para comezar co máis sinxelo... e acabar botando un lote de puntos cando volvamos ao torreiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2020 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

As redes sociais inzáronse de iniciativas nestes días nos que cómpre quedar na casa ata superarmos a crise sanitaria que estamos vivindo por mor da expansión do coronavirus. Concertos telemáticos, mil versións de cancións, música nos balcóns... E tamén baile galego! A arte nas redes non só ten unha función lúdica, senón que tamén cumpre o seu papel didáctico.

Xabier Iglesias nunha das súas aulas online
Xabier Iglesias nunha das súas aulas online | Fonte: YouTube OxeitO

Tanto é así que varios mestres de baile galego andan a publicar nos seus perfís de Facebook e Instagram unha serie de videotitoriais con pasos e puntos básicos para facer máis amena esta corentena. Ademais, deste xeito non só aprendemos o baile de noso, senón que tamén nos mantemos en boa forma física mentres dure o confinamento. 

Artur Pastoriza Puga, Antonio Prado, Xabier Iglesias... son algúns dos profesores que se animaron a dar unhas cantas clases en vídeo. Agora só resta sacármonos de enriba a preguiza e atrevernos a dar o primeiro paso. O resto, vai rodado! E no caso de que quedes máis ganas de baile ou xa teñas unhas nocións básicas ao redor da xota e da muiñeira, podes continuar sumando puntos e paseos á túa lista de preferidos a través dos máis de 350 vídeos que dende hai ben tempo vén subindo o profesor Luís Prego á páxina de Facebook 'Un punto ao día con Luís Prego'. 

Aquí vai unha mostra das aulas que andan collendo impulso estes días nas redes...

"Bailar e amar é o que nos queda", di o lugués Xabier Iglesias nunha das súas propostas. Pois sonche dúas cousas ben bonitas. Dálle aí con garbo aos brazos e aos pés que axiña haberá que volver encher os torreiros con ideas frescas!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta