GC Aberto

Podemos e debemos retirar a Manuel Fraga as rúas e distincións

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020

Comparte esta noticia

A publicación en decembro de 2018 do manifesto NON QUEREMOS AO “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO ten uns antecedentes. A CRMH da Coruña promovía en 2009 o manifesto Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da ditadura. En decembro de 2013 a CRMH publicaba Cadernos Republicanos nº 3, titulado O “camarada Fraga” e as vítimas da represión franquista.

15 DE MARZO DE 1966 - CONGRESO DOS DEPUTADOS, MADRID, ESPAÑA: O ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, durante o seu discurso con motivo da promulgación da Lei de Prensa.. Europa Press - Arquivo
15 DE MARZO DE 1966 - CONGRESO DOS DEPUTADOS, MADRID, ESPAÑA: O ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, durante o seu discurso con motivo da promulgación da Lei de Prensa.. Europa Press - Arquivo

En decembro de 2018, na véspera do 50º aniversario da designación de Fraga como Fillo Adoptivo da Coruña, Manuel Monge, Nicanor Acosta e Manuel Villares, presos políticos na ditadura, inician o proceso para elaborar o citado manifesto e conseguir apoios. Até agora son 44 as presas promotoras e manifestaron o seu apoio 63 historiadoras e 56 entidades.

O Pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019 acordaba, despois dunha moción do BNG, retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo (votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG), concedida en 1965. E o Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019, despois dunha moción presentada polo BNG, acordaba (votos a favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG) iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1968.

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos apoiaba a decisión dos seus compañeiros de Ferrol e A Coruña, sinalando que había que distinguir dúas etapas, a ditadura e a democracia, e que esas distincións de Fillo Adoptivo na etapa da ditadura “teñen todo o rexeitamento” do PSdeG.

Algúns concellos xa tomaron iniciativas para retirar a Manuel Fraga todo tipo de distincións. Cambados, con alcaldía de Xoán Antón Pillado Silvoso (1979-1987), cambiaba as rúas franquistas, entre outras: avenida do Generalísimo por avenida de Galicia e Manuel Fraga Iribarne por avenida de Vilariño. Pillado Silvoso presentárase pola candidatura de Unidade Galega nas primeiras eleccións municipais da democracia de 1979. Ese mesmo ano formaba parte da candidatura de Unidade Galega por Pontevedra nas eleccións xerais, que encabezaba Camilo Nogueira. Nas eleccións municipais de 1983 encabezaba a candidatura de Unión Galega, conseguindo maioría absoluta con 11 concelleiros. Posteriormente foi concelleiro do BNG e responsábel local.

O PP recupera a alcaldía en 1987 e posteriormente intenta recuperar a rúa de Fraga, cousa que non consegue. Daquela, para o portavoz do BNG, Víctor Caamaño, “Fraga non deixa de ser representante e símbolo da historia franquista”. As Xuventudes Socialistas de Cambados dicían nun comunicado que coa Lei da Memoria Histórica na man “impediremos que calquera rúa da nosa vila leve o nome da calquera persoa pertencente á represión da ditadura. E se o concello ten interese en poñerlle a rúas nomes de políticos, propoñémoslle a Pablo Iglesias, Manuel Azaña ou Isaac Díaz Pardo” (La Voz de Galicia, 25-1-2012).

En 2012 o PP coloca unha escultura de Manuel Fraga (600 quilogramos de peso e máis de 2 metros de altura) nos xardíns do pazo de Torrado. En protesta pola colocación desa escultura celebrábase unha concentración na praza do concello. Unha pancarta de Galiza Nova dicía: “Ningunha homenaxe a Fraga. Máis emprego para a mocidade”. E a das Xuventudes Socialistas: “Estatua de Fraga. ¡Nin de bronce!” (Faro de Vigo, 10-6-2012). Por acordo do Pleno de Cambados (alcaldesa Fátima Abal, do PSOE), o 21 de abril de 2017 retirábase a citada escultura de Fraga, que é trasladada ao taller do autor Lucas Míguez. A alcaldesa situaba a Fraga dentro dos “elementos franquistas” e declaraba: "Fraga fue ministro con Franco, y existe una ley de memoria histórica que obliga a la retirada de los elementos franquistas de los espacios públicos. Y Fraga nunca repudió los asesinatos cometidos en esa etapa" (La Opinión A Coruña, 22-4-2017).

Manuel Fraga aínda conserva en Galiza rúas e numerosas distincións: Fillo Adoptivo da provincia da Coruña (27-11-1965); Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da provincia de Lugo,

Fillo Adoptivo da Coruña (24-12-1968), Verín (10-8-1968), Cervo (3-12-1964), Xove, O Vicedo, Viveiro, Foz, Barreiros, Ribadeo, Pontedeume, Cedeira (5-7-1967), Tui (1968). Medalla de Honor do concello de Santiago (13-2-1965), Medalla de Prata de Betanzos (11-2-1966), Medalla de Ouro de Lugo, entregada o 27-8-1970, e Fillo Predilecto de Vilalba (19-7-1949). CEIP Manuel Fraga en Cariño (1972). Fillo Adoptivo e Medalla ao Mérito Cidadán de Santiago (1993). Rúas ou avenidas en Santiago (30-9-2011), Betanzos, Cedeira, Cariño e Monforte (30-1-2012).

Quen dixo que non se podía acabar con estes restos franquistas? Deberiamos tomar boa nota do exemplo de Ferrol e Cambados. O cambio na Xunta despois das próximas eleccións ao Parlamento Galego é unha oportunidade que debemos aproveitar para retirar con rapidez as distincións a todas as persoas servidoras da ditadura franquista. Pero sen esperar a esas eleccións, podemos e debemos retirar as rúas e distincións a Fraga. E para iso necesitamos vontade política, resistir as presións de quen queren que todo siga igual, e conseguir os mesmos acordos que permitiron presidencias progresistas e nacionalistas nas deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña e alcaldías noutros moitos concellos de Galiza.

Manuel Monge

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Haberá que falar co socio preferente do BNG en Galicia a ver que opina da cuestión ? https://twitter.com/00Gamela/status...

1 Realpolitik

A Xacoxunta ou Xuntabeo non o fará pero é de xustiza borrar ó Iribarne da Galiza. Comezando pola súa pirámide da Cidade da Cultura. Fora Fraga!